A CHMS REMITIU AO CONCELLO DE LUGO O ESCRITO PRECEPTIVO PARA QUE O PROXECTO SE SOMETA A EXPOSICIÓN PÚBLICA E SE POIDAN PRESENTAR AS ALEGACIÓNS PERTINENTES
Arroxo animou a lucenses e entidades a mellorar coas súas alegacións o proxecto de zona pública de baño do BNG
O voceiro do BNG-AA no concello de Lugo incidiu en que “esto demostra que ata agora ninguén fixera xestións coa Confederación para a creación dunha zona pública de baño”
Lugo, 13 de decembro 2016. O taboleiro de anuncios do Concello de Lugo terá en exposición pública, a partir desta semana, o expediente de autorización para a instalación dun acceso de madeira no río Miño no entorno da área recreativa das Saamasas. “Este proxecto fora presentado polo BNG-AA no mes de agosto e, neste momento, continúan os trámites de cara a que neste verán Lugo poida contar cunha zona pública de baño” explicou Rubén Arroxo.
“demostrase que PSOE e PP teñen como única intención marear a perdiz para que a zona de baño pública non se faga”
Arroxo animou a lucenses e entidades a mellorar, coas súas alegacións, o proxecto de zona pública de baño do BNG “confiamos que o mellor resultado para Lugo será facer, entre todos, as aportacións que encaixen no proxecto e así crear unha zona pública de baño acaida para aquela zona e para que a xente disfrute do seu río durante o verán”.
O voceiro do BNG-AA explicou que “o feito de que un grupo político consiga avanzar nos trámites preceptivos para a instalación dun acceso de madeira ao río, necesario para converter a zona de As Saamasas nunha zona pública de baño, quere dicir que institucións como o Concello ou a Deputación nunca tiveron a intención, non fixeron os trámites necesarios para dar solución á tan demandada zona pública de baño” e engadiu “demostra que PSOE e PP teñen como única intención marear a perdiz para que a zona de baño pública non se faga”.
A Confederación Hidrográfica do Miño-Sil requeriu a exposición pública do proxecto presentado polo BNG-AA para que, quen o considere, presente as alegacións pertinentes. Unha vez superados os 30 días do período de exposición pública, o Concello de Lugo terá que emitir un informe, dirixido á CHMS, certificando o resultado da información pública levada a cabo no tablón de anuncios, e dicir, certificando se houbo reclamacións, ou non, durante o plazo fixado.
Rubén Arroxo abonoulle ao concello de Lugo as taxas reguladas para a exposición pública de documentos no taboleiro de anuncios municipal que ascende a 5 € e ironizou decindo que “os gastos para conseguir unha zona pública de baño ata agora ascenden a uns 27 € e estamos máis preto de conseguir que se faga realidade que o goberno municipal que orzamentou,para este ano, 250.000 €”. Arroxo adiantou que “seguiremos dando información puntual sobre todos os pasos que vaiamos avanzado neste proceso, por que creemos na transparencia e entendemos que a información do que se fai dende as institucións debe ser accesible a todo o mundo”.