Arroxo: “a partir do 28 de maio converteremos a Lugo na cidade dos 5 minutos”
O candidato do BNG anunciou que “traballaremos para que haxa illas peonís nos barrios, de xeito que todas as persoas teñan un punto peonil seguro a 5 minutos da casa”
Arroxo visitou xunto con integrantes da candidatura do BNG a nova illa peonil da rúa Río Sil, “onde se creou unha nova zona de convivencia nunha rúa que antes só estaba ocupada por coches”
Lugo, 12 de abril de 2023. O candidato do BNG á alacaldía de Lugo, Rubén Arroxo, afirmou que a partir do 28 de maio “Lugo converterase na cidade dos 5 minutos, unha cidade na que todas as persoas teñan un espazo peonil dispoñible a menos de 5 minutos da súa casa”. Arroxo anunciou a proposta do BNG de acondicionar áreas peonís en todos os barrios onde sexa posible, “zonas que sexan útiles, puntos de convivencia para o desfrute das persoas”.
Arroxo visitou a rúa Río Sil xunto con integrantes da candidatura do BNG, onde destacou que “a illa peonil que se creou desde o Goberno de Lugo converteuse en moi pouco tempo nunha área moi utilizado pola veciñanza da zona, transformando un espazo que antes estaba ocupado por coches e que foi obxecto dunha importante remodelación da mobilidade, mellorando tanto a seguridade viaria como a cantidade e calidade dos espazos peonís desta zona de Lugo”.
O concelleiro nacionalista afirmou que “vimos durante a pandemia como as cidades estaban deseñadas para os coches, cando se permitiu saír á rúa vimos como non contabamos con zonas peonís amplas que permitiran a presenza da xente nas rúas”.
O candidato do BNG destacou “a importancia de contar con espazos peonís axeitados en todas as zonas”, e afirmou que “desde o BNG seguiremos traballando para que as persoas sexan o centro da mobilidade en Lugo, e a partir do 28 de maio continuaremos a executar este modelo nas zonas da cidade onde sexa posible”