Arroxo pediu que o concello facilite a recuperación do IVE cobrado indebidamente no recibo do lixo
O voceiro do BNG Asembleas Abertas dixo que o goberno municipal ten que establecer un sistema para que a xente poida reclamar o que é seu
Trasladamos unha serie de preguntas ao goberno municipal para saber como e cando se vai empezar a devolución destes cartos que nunca deberon cobrarse dixo Arroxo
Lugo, 12 de febreiro de 2016. O voceiro do BNG Asembleas Abertas no concello de Lugo, Rubén Arroxo, trasladoulle ao goberno municipal unha serie de preguntas para saber como e cando se vai empezar a devolución dos importes cobrados en concepto de IVE pola recollida do lixo dende o ano 2.000. O Tribunal Supremo dictou sentencia contra o concello e conclúe que deduciu, inadecuadamente, ese imposto no servizo de recollida do lixo e de limpeza. Son preto de dous millóns de euros, que o Concello xa entregou á Facenda.
Rubén Arroxo explicou que para recuperar os cartos. os cidadáns terán que facer unha reclamación ao Ministerio de Facenda que é quen fará a devolución e engadiu que dende o BNG Asembleas Abertas entendemos que o concello terá que facilitar a tramitación destas reclamacións e poñer, a disposición das veciñas e veciños, os mecanismos necesarios para que poidan facer as correspondentes reclamacións do xeito máis sinxelo posible.
Rubén Arroxo lembrou que responsables do goberno municipal anunciaron unha xuntanza con responsables do Ministerio de Facenda e por eso preguntamos polo resultado desa reunión se é que se produciu. Ademais, o BNG Asembleas Abertas, tamén reclamaron información sobre os prazos e mecanismos que están previstos para que Lugo recupere eses dous millóns de euros que nestes momentos están depositados na caixa de Madrid.