Arroxo: “o PP renunciou no 2009 a executar a rehabilitación da UI-7, adxudicado antes de que chegaran ao goberno”
O candidato do BNG afirmou que “coa chegada do PP ao Goberno, paralizouse o proxecto iniciado polo BNG e tivo que indemnizarse á empresa adxudicataria das obras”
Arroxo lembrou que este venres o BNG convoca unha mobilización para reclamar investimentos na Tinería 18:00 no acceso á Muralla da praza Pío XII
Lugo, 10 de novembro de 2022. O candidato do BNG, Rubén Arroxo, calificou de “falta de respeto ás veciñas e veciños de Lugo” o anuncio feito onte pola Xunta de Galiza sobre o convenio da recuperación do Pazo de Dona Urraca, no barrio da Tinería. Arroxo afirmou que “a recuperación da UI-8, na que se ubica o Pazo de Dona Urraca, estaba adxudicada a comezos de 2009”, e engadiu “ao chegar o PP ao goberno galego, renunciaron á execución e tiveron que indemnizar á empresa adxudicataria das obras”. Arroxo afirmou que “anunciar un convenio 13 anos despois é rirse das e dos lucenses, se o PP seguira investindo na recuperación da Tinería do mesmo xeito que fixo o BNG cando tivo responsabilidades no goberno galego, hoxe este barrio sería un modelo para Lugo”.
O BNG ten convocada unha concentración para “reclamar á Xunta que continúe co proxecto de rehabilitación do barrio da Tinería despois de que abandonaran a recuperación e rehabilitación do barrio máis antigo da cidade”. A mobilización do BNG terá lugar mañá venres, 11 de novembro a partir das 18:00 no acceso á Muralla da praza Pío XII.
“Durante os últimos anos, desde o BNG impulsamos emendas aos orzamentos da Xunta reclamando que se retomara este proxecto”, lembrou Rubén Arroxo, que engadiu “Lugo non pode agardar mais, o barrio da Tinería está chamada a ser unha das zonas máis importantes da cidade, mais vemos como 13 anos despois continúa en ruínas”
Proxecto de rehabilitación da Tinería
O proxecto impulsado polo BNG desde o goberno galego foi recoñecido do Premio Dubai de Boas Prácticas outorgado polas Nacións Unidas no ano 2008. Valorouse o proxecto de recuperación do patrimonio por unha iniciativa pública, xunto coa rehabilitación e rehabitación dun barrio a carón da Muralla de Lugo, porque posibilitaba a recuperación da actividade comercial e social do barrio, a creación de emprego así como o uso dos baixos, propiedade pública, para o emprendemento e mesmo usos institucionais, e a posta en valor do patrimonio arqueolóxico da zona.
As excavacións arqueolóxicas na Unidade de Intervención UI-7, onde se atoparon fornos, paralizáronse coa chegada do Partido Popular ao goberno da Xunta. Actualmente, o espazo dos fornos está valado cun peche metálico que produce un importante impacto visual no que debería ser unha das zonas máis coidadas da cidade, unha zona que podería ser un centro de investigación e un polo de atracción de visitantes para a cidade.