O BNG-AA insta ao goberno municipal a poñer en marcha os hortos urbáns
Os nacionalistas levarán unha iniciativa ao pleno aínda que a primeira proposta foi feita no ano 2013 e contemplaba a creación de hortos urbanos na zona de Lamas de Prado
Rubén Arroxo dixo que por cuarto ano consecutivo o goberno do PSOE asegura que vai incluir partidas para poñer os hortos en marcha pero chega o verán e non hai nada feito
LUGO, 16 de maio de 2016. O BNG instará ao goberno municipal, a través dunha proposición no pleno, a executar a implantación dos hortos urbáns. Rubén Arroxo lembrou que esta foi unha das propostas do BNG acordara co PSOE para a aprobación dos orzamentos municipais do ano 2013 e consistía en dotar á cidade de novos hortos urbanos impulsados polo Concello na zona de Lamas de Prado. Rubén Arroxo dixo que por cuarto ano consecutivo o goberno do PSOE asegura que vai incluir partidas para poñer os hortos en marcha pero chega o verán e non hai nada feito e afirmou que esta é unha mostra máis da desidia do goberno municipal.
Segundo Rubén Arroxo esta iniciativa, ademais do seu propio valor ecolóxico ten outras implicacións que contribúen a xerar comunidade, promovendo as relacións sociais e inscribíndose en procesos pedagóxicos e de desenvolvemento comunitario. Así mesmo, poden converterse en balóns de oxíxeno económico para moitas familias desta zona de Lugo. Hai que ter en conta que nesta zona aínda existen persoas maiores que manteñen as súas hortas e que probablemente estivesen encantadas de transmitir os seus coñecementos engadiu. Neste sentido comentou a estas iniciativas públicas hai que darlles un sentido social, de maneira que impliquen aos veciños e veciñas e dinamicen a colaboración entre as persoas.
Unha das zonas onde os nacionalistas consideran que se pode implementar esta actuación é a zona norte da cidade, en concreto nos terreos da Abella que lle corresponden ao concello polo desenvolvemento urbanístico da zona. Recalcou, Rubén Arroxo, que desta maneira se lograrían unhas magníficas zonas verdes fronte a maleza e o lixo que actualmente cubre boa parte destes espazos. Xa existen outros hortos na nosa cidade, promovidos pola Deputación Provincial e pola Universidade, pero que pola súa ubicación non son un recurso que poida utilizar maioritariamente a veciñanza da zona norte de Lugo, que ademais conta cunha grande densidade poboacional. O edil do BNG-AA comentou que estes proxectos constatan que si existe unha ampla demanda e están a ter un grande éxito e engadiu que xa se está a demandar a ampliación dos espazos para facer medrar o número de parcelas.
As características dos hortos
Rubén Arroxo indicou as características que, a criterio do BNG-AA, se deben de cumprir á hora da implantación dos hortos urbanos municipais. As parcelas deben de ir destinadas a poboación maior de 16 anos, e introduciranse criterios que primen a adxudicación, que se fará por sorteo, a xubilad@s, desempregad@s e familias numerosas. O tamaño das parcelas non debe ser inferior a 20 m². O concello non debe de impoñer ningunha taxa municipal o ben debe ser simbólica. As parcelas irán, unicamente, destinadas a cultivo agrícola e cultivo de plantas ornamentais que terán como finalidade o consumo propio, nunca para comercialización. As obrigas do Concello, a respecto das parcelas, serán a da preparación anual do terreo para o seu cultivo, galpón para gardar os apeiros, reciclaxe dos residuos, sistema de rego, alumeado, balado da parcela, delimitación adecuada das hortas, asesoramento en materia de respeto ao medio ambiente e en produción ecolóxica. Os usuarios terán que cultivar a parcela baixo as normas establecidas polo concello.