O BNG-AA NON APOIARÁ A PROPOSTA DO PSOE NO PLENO DE ORGANIZACIÓN
Rubén Arroxo dixo que en menos de 50 días o PSOE xa incumpre un dos acordos tomados co BNG AA para a investidura da alcaldesa
Os nacionalistas criticaron que por primeira vez en moitos anos, se celbre un pleno sen ter convocado unha xunta de portavoces
Lugo, 9 de xullo 2015. O voceiro do BNG-AA no concello de Lugo, Rubén Arroxo, anunciou que a formación que representa non lle dará o seu apoio á proposta de organización que o PSOE defenderá este venres no pleno da corporación municipal. Arroxo volveu criticar a actitude do novo equipo de goberno que en ningún momento quixo dar a cara diante da xunta de portavoces que é órgano axeitado para tratar todo o relativo á organización e funcionamento do concello.
Rubén Arroxo dixo que en menos de 50 días o PSOE xa incumpre un dos acordos tomados co BNG AA para a investidura da alcaldesa. Arroxo explicou que de xeito encuberto, vaise dificultar a participación e a asistencia da xente e dos colectivos aos plenos municipais. Este era un dos 7 puntos acordados entre o BNG-AA e o PSOE para a investidura da alcaldesa e agora atopamos que, sen consulta ao resto dos grupos, o PSOE vai impoñer que os plenos se celebren polas mañás, cando a maior parte da xente está a traballar dixo Arroxo.
Así mesmo, o voceiro do BNG-AA afirmou que é indignante que, en moitos anos e por primeira vez neste concello, se celebre un pleno sen que, previamente, se teña convocado unha xunta de portavoces. Arroxo dixo que semella que a alcaldesa se sinte segura co apoio do PP e menospreza aos grupos de esquerda e ás novas incorporacións á corporación que, no seu conxunto, superan en votos ao PSOE e mesmo ao PP.