MAITE FERREIRO LEMBROU QUE NO MES DE XULLO DE 2016 “APROBOUSE UNHA INICIATIVA NO PLENO PERO O GOBERNO NON FIXO NADA E XA PASOU MÁIS DE UN ANO”

O BNG-AA reclama a posta en funcionamento dunha APP para persoas xordas

“O goberno municipal non atende demandas sinxelas que, neste caso, mellorarían a calidade de vida dun imporante colectivo de persoas” dixo Ferreiro

O BNG-AA reclama a posta en funcionamento dunha APP para persoas xordas

Lugo, 25 de agosto 2017. O BNG - AA lembrou, a través da edil Maite Ferreiro, que o Concello de Lugo continúa sen poñer en funcionamento unha aplicación para teléfonos móbiles de cara a que as persoas xordas se poidan poñer en contacto cos servizos de bombeiros e policía local, en caso de emerxencia de forma totalmente independente, unha demanda existente neste colectivo e que avanzaría na inclusión no concello.

Dende o grupo nacionalista asegúrase que non existe ningunha complicación técnica para levalo a cabo, dado que se están a aplicar noutros concellos do estado “Exemplos como Syspol092 ou SOR-POL, por citar algúns, son app´s creadas nos concellos de Elche e Fuenlabrada, respectivamente e que amosan a viabilidade deste proxecto” explicou a voceira do BNG-AA no concello de Lugo.

Maite Ferreiro lembrou que no mes de xullo do ano pasado “aprobouse unha iniciativa no pleno pero o goberno non fixo nada” e engadiu “a día de hoxe as persoas xordas non se poden comunicar cos servizos de bombeiros e policía local en caso de emerxencia, esta fórmula sería a solución”. Ferreiro sinalou que “é preciso que as institucións aproveiten as solucións que nos dan as novas tecnoloxías para poder mellorar e facilitar a vida das persoas”.

Estas aplicacións teñen un funcionamento bastante semellante ao que poida ser as populares Whatsapp ou Telegram, dado que as persoas se poderán comunicar cos servizos de policía e bombeiros por vía escrita, enviar fotos da situación e dar a localización GPS. Ademais, en palabras do grupo municipal, isto sería un custo moi pequeno ao lado do servizo que ofrece, xa que lles dá total autonomía a estas persoas, non tendo que depender doutras, derribando así unha barreira máis e creando igualdade de atención entre veciñas e veciños do concello neste ámbito.

O BNG-AA reclama a posta en funcionamento dunha APP para persoas xordas