AS PERSOAS RESIDENTES RECLAMAN A MELLORA DO PAVIMENTO DAS RÚAS E BEIRARRÚAS, MELLORAS NA LIMPEZA E DESBROCE DOS VIAÍS DO ENTORNO DA URBANIZACIÓN

O BNG-AA trasladará ao goberno municipal as demandas de veciñas e veciños da urbanización da Fervedoira

UrbCastroGil

“A zona está abandonada dende os anos 90 e o concello non fixo ningunha actuación a pesar de cobrar os impostos correspondentes” sinalou Rubén Arroxo

O BNG-AA trasladará ao goberno municipal as demandas de veciñas e veciños da urbanización da Fervedoira

Lugo, 26 de setembro de 2017. Ediles do BNG-AA mantiveron un encontro cun grupo de veciños e veciñas da urbanización Castro-Gil na Fervedoira para coñecer os problemas que teñen na propia urbanización e no seu entorno. Dende os anos no 90 non se fixo ningunha intervención “seria” neste núcleo do concello no que viven unhas 35 familias. Neste momento rúas e beirarrúas precisan dun arranxo e ademais existe un problema notable de falta coidado do entorno.

“A zona está abandonada dende os anos 90 e o concello non fixo ningunha actuación a pesar de cobrar os impostos correspondentes” sinalou Rubén Arroxo e engadiu “entendemos que teñen dereito a que se atendan as súas demandas por que se lles está a cobrar o IBI polas súas vivendas e, ademais, o concello deulles todas as dotacións públicas como alumeado, abastecemento de auga e saneamento, ademais do servizo de recollida de lixo”. O voceiro nacionalista sinalou que “o goberno municipal debería poñerse a buscar unha solución para recibir as rúas e arranxar as trabas burocráticas que impiden o recoñecemento legal da urbanización”.

Para o BNG-AA trátase dunha ”intervención de baixo custo” xa que as rúas desta urbanización non teñen unha grande lonxitude e, segundo Rubén Arroxo, o concello podería acometer o seu asfaltado sen problema. Arroxo lembrou que “vemos ano trás ano como o goberno municipal non é capaz de gastar o orzamento anual mentres que zonas como esta están abandonadas dende fai moitos anos”.

Senda do río Fervedoira

O voceiro do BNG-AA apuntou a necesidade de rematar a senda que vai a carón do río Fervedoira e que serviría para achegar esta urbanización á cidade cunha vía peonil e mellorar o entorno e calidade de vida de veciñas e veciños. Esta senda estaría enlazada co paseo do Rato e xa estaba previsto nun proxecto da Deputación a execución desta obra que quedou paralizada fai moitos anos. “Entendemos que é o momento de retomar este tipo de proxectos que, ademais de mellorar o entorno da Fervedoira, contribúen a incrementar a lonxitude do cinturón verde da cidade” afirmou Arroxo.

O BNG-AA trasladará ao goberno municipal as demandas de veciñas e veciños da urbanización da Fervedoira