O BNG anima a participar na mobilización convocada por Eólica Así Non en Lugo
Celebrarase este 11 de decembro, Dia Mundial das Montañas, diante do edificio multiusos da Xunta ás 12 horas
Carme Aira, deputada do BNG no Parlamento galego “Galiza precisa dun desenvolvemento xusto da enerxía eólica, que garanta os dereitos das persoas que viven e traballan no rural, mais tamén que os recursos enerxéticos se poñan ao servizo da sociedade”
Lugo, 09 de decembro de 2022.- O Bloque Nacionalista Galego súmase ás mobilizacións convocadas pola coordinadora Eólica Así Non no Día Mundial das Montañas, o próximo domingo 11 de decembro.
En Lugo contará cunha marcha en San Xoán do Alto ás 9 horas e unha concentración diante do edificio administrativo da Xunta de Galiza ás 12 horas.
Esta mobilización enmárcase dentro dos diferentes actos e accións reivindicativas que se desenvolveran na xornada do domingo por toda Galiza para defender un desenvolvemento da enerxía eólica de forma xusta co territorio.
A deputada do BNG por Lugo no Parlamento galego, Carme Aira declarou “Galiza precisa dun desenvolvemento xusto da enerxía eólica, que garanta os dereitos das persoas que viven e traballan no rural, mais tamén que os recursos enerxéticos se poñan ao servizo da sociedade, e non da especulación das enerxéticas”
Neste senso, Aira fixo fincapé na necesidade de poñer ferramentas para a produción enerxética en favor da maioría social “Galiza é das maiores produtoras do Estado, por isto tamén é básico para o País contar cunha tarifa eléctrica galega que poña estes recursos en máns das galegas e galegos, e así baixar o recibo da luz, e non en mans das grandes empresas”
Asemade, a deputada animou a participar á veciñanza para frear a especulación e o espolio enerxético “outro modelo enerxético é necesario e é posíbel, a alternativa é un modelo participativo e que os beneficios retornen en nós, e non nos petos de catro multinacionais, por isto animo a toda á veciñanza a participar nas mobilizacións convocadas por Eólica Así Non”