RUBÉN ARROXO, PORTAVOZ DO BNG DE LUGO, PRESENTOU A CAMPAÑA XUNTO COAS CONCELLEIRAS MAITE FERREIRO E CRISTINA LÓPEZ E AS DEPUTADAS OLALLA RODIL E MONTSE VALCÁRCEL
O BNG apoia ao comercio local lucense coa campaña "Mellor Local, Mellor Galego"
Rubén Arroxo, portavoz do BNG de Lugo, presentou a campaña xunto coas concelleiras Maite Ferreiro e Cristina López e as deputadas Olalla Rodil e Montse Valcárcel
O BNG aposta por incentivar a compra de produtos locais e galegos, a recuperación dos mercados municipais e a promoción alternativa e ecolóxica
Lugo, 12 de decembro 2024. O BNG presentou a campaña "Mellor Local, Mellor Galego" coa que se anima a consumir produtos galegos e no comercio de proximidade durante estas datas festivas, mais tamén no resto do ano. O BNG lanza todos os anos esta campaña de promoción "nas datas previas ao Nadal, cando damos a coñecer as propostas que deseñamos para apoiar e incentivar a compra do produto local feito en Galiza", explicou Rubén Arroxo.
O portavoz do BNG de Lugo presentou esta campaña xunto coas concelleiras Maite Ferreiro e Crisinta López, e as deputadas no Parlamento Galego Olalla Rodil e Montse Valcárcel. O BNG quere poñer en valor con esta campaña "a importancia do comercio tradicional, comercio do que podemos desfrutar neste punto de Lugo cunha parte do mellor da nosa terra, os seus produtos, onde son garantía de calidade e ademais o valor engadido da proximidade de onde se xeran", explicou Arroxo en referencia á rúa Quiroga Ballesteros, onde se fixo o acto de presentación desta Campaña, rúa na que se atopan a Praza de Abastos e o Mercado Municipal.
O BNG chama á veciñanza a apostar por un consumo responsábel, que dinamice a economía local e ademais sexa respectuoso co medio ambiente. Por isto, o BNG aposta por incentivar a compra de produtores locais e galegos, a recuperación dos mercados municipais e tradicionais, a promoción alternativa e ecolóxica ou a promoción de axudas para implantar ou mellorar establecementos que comercialicen produtos autóctonos.