ROSA REGO, PORTAVOZ MUNICIPAL DO BNG:  "A  XESTIÓN CAÓTICA DO PSOE QUE AFUNDE O CONCELLO XUNTO O ABANDONO DO RURAL E DA MONTAÑA DO PP GOBERNANDO A XUNTA FORMAN UNHA COMBINACIÓN PERFECTA PARA AFUNDIR O PROGRESO DA FONSAGRADA" E INCIDIU "OS UNS POLOS OUTROS, E A CASA SEN VARRER"

O BNG lamenta o cinismo do PSOE e do PP ante os problemas que afronta A Fonsagrada

 

Rosa Rego, portavoz municipal do BNG:  "A  xestión caótica do PSOE que afunde o Concello xunto o abandono do rural e da Montaña do PP gobernando a Xunta forman unha combinación perfecta para afundir o progreso da Fonsagrada" e incidiu "os uns polos outros, e a casa sen varrer"

A portavoz e concelleira reclamou "responsabilidade e humildade" para solucionar e afonda no progreso da Fonsagrada

O BNG lamenta o cinismo do PSOE e do PP ante os problemas que afronta A Fonsagrada

 

A Fonsagrada, 11 de decembro de 2024. O BNG lamenta que o goberno municipal do PSOE e o grupo municipal do Partido Popular se tomen os problemas da veciñanza sen rigor e seriedade, só achegando descréditos e promovendo un clima de desprestixio á política municipal, a máis próxima ao veciño. Ámbolos partidos teñen grandes eivas que fan que A Fonsagrada se atope nunha situación que non merece.

No derradeiro pleno, saíron á luz graves deficiencias na xestión do equipo de goberno municipal, encabezado polo PSOE, confirmadas por informes demoledores da Secretaría-Intervención, os que inciden no "incumprimento constante da información económica-financeira" e cualificándoa de "caótica". 

Rosa Rego, portavoz e concelleira do BNG debullou os datos destes informes "o prazo medio de pago a provedores duplicouse, chegando na actualidade a 97,53 días; facturas pendentes de pago por un importe de 869.329,77 €, o que supón a acumulación, en algúns casos, de débedas  a empresas superiores aos 50.000 €. De igual xeito, contratos caducados e ausencia de control e advertencias de riscos de futuro, o que dita o informe de "importantes quebrantos económicos".

Por outra banda, da Xunta de Galicia, gobernada polo PP, sinala a concelleira do BNG "mantén unha política de abandono e recortes que perpetúa a discriminación contra o rural: falta de médicos e ter que desprazarnos até Becerreá para contar cuns servizos sanitarios esenciais, recortes nos servizos do colexio, a falta de financiamento nos coidados dos nosos maiores, como o servizo SAF ou a ausencia dunha residencia pública, os recortes nas axudas ás gandeiras e gandeiros, ou a ausencia total de apoio á Foliada da Fonsagrada entre máis".

Rosa Rego catalogou de "paradoxal" que "mentres o goberno municipal presume de débeda cero, sexan os provedores locais soporten o custo dunha xestión irresponsable". A nacionalista destacou que "esta situación urxe unha reflexión profunda e unha reorientación inmediata das políticas municipais para garantir unha xestión transparente, eficiente e comprometida co benestar e o desenvolvemento da Fonsagrada. E de igual modo, queremos salientar a intolerancia do PP en sacar as cores aos demais sen mirar antes o que está a facer desde o goberno galego".

Ao respecto sentenciou "a  xestión caótica do PSOE que afunde o Concello xunto o abandono do rural e da Montaña do PP gobernando a Xunta forman unha combinación perfecta para afundir o progreso da Fonsagrada" e incidiu "os uns polos outros, e a casa sen varrer". Unha chamada á responsabilidade.

Rosa Rego reiterou "desde o BNG seguimos denunciando, é o noso labor como oposición destacar o que non está ben,  mais seguimos traballando con propostas,  para que a veciñanza conte cunha xestión transparente, limpa e xusta". Rego fixo un chamado á responsabilidade e humildade, tanto no goberno local como na Xunta, para garantir os servizos públicos esenciais e facer viable a vida na Fonsagrada. "Os servizos públicos son dereitos, e a nosa veciñanza merece unha xestión que estea á altura das súa necesidades", concluíu.

O BNG lamenta o cinismo do PSOE e do PP ante os problemas que afronta A Fonsagrada