ALEXANDRE PENAS: "SEGUIMOS ATENDENDO AOS BARRIOS E ZONAS PERIURBANAS GARANTINDO O BENESTAR DE TODAS AS VECIÑAS E VECIÑOS DE LUGO
A Tenencia de Alcaldía activa a renovación do firme das rúas Celso Emilio Ferreiro, Tino Prados e Xosé Crecente Vega
Alexandre Penas: "Seguimos atendendo aos barrios e zonas periurbanas garantindo o benestar de todas as veciñas e veciños de Lugo
A actuación saíu a licitación cun orzamento inicial de 87.298,12€
Lugo, 11 de decembro de 2024. O concelleiro de Infraestruturas, Alexandre Penas, anunciou que o Goberno de Lugo vén de iniciar o procedemento para renovar o firme das rúas Celso Emilio Ferreiro, Tino Prados e Xosé Crecente Vega. Penas destacou que "con esta actuación continuamos a traballar nas zonas urbanas e periurbanas de Lugo, garantindo o benestar das veciñas e veciños de toda a cidade". Segundo o Tenente Alcalde, esta intervención permitirá "renovar vías co pavimento deteriorado e garantir a boa calidade e a boa imaxe da rede de vías urbanas municipal".
O Goberno de Lugo actuará reconstruíndo o paquete de firme en todo o seu espesor, para evitar que os defectos da capa base podan chegar a afectar á capa de rodadura. Instalarase unha nova capa de rodadura baseada en mestura asfáltica en quente, que asegurará un selado do firme ante a acción da auga superficial e asegurará unha prolongada duración da actuación.
Unha vez pavimentadas as vías, adaptaranse os rexistros previamente existentes á nova cota da superficie e instalarase unha nova base para contedores. Finalmente, renovarase a sinalización vertical e horizontal. A Tenencia de Alcaldía inviste 87.298,12€ nesta actuación, que conta cun prazo de execución de 10 semanas unha vez a contratación sexa definitiva.