CARGOS ORGÁNICOS E INSTITUCIONAIS DO PARTIDO AMOSARON O SEU COMPROMISO CON PROFESIONAIS DA VITICULTURA DIANTE DO EDIFICIO DA XUNTA EN LUGO

O BNG apoia as demandas do sector viticultor da Ribeira Sacra ante a pasividade da Consellería de Medio Rural

Cargos orgánicos e institucionais do partido amosaron o seu compromiso con profesionais da viticultura diante do edificio da Xunta en Lugo

O BNG defendeu este martes no Pleno do Parlamento axudas económicas directas a viticultores da Ribeira Sacra

O BNG apoia as demandas do sector viticultor da Ribeira Sacra ante a pasividade da Consellería de Medio Rural

 

 

 

Lugo, 13 de setembro de 2024. Concelleiras, concelleiros e diversos cargos do Bloque Nacionalista Galego, acompañados polo deputado no Parlamento Galego Iago Suárez, sumaron o seu apoio ás demandas do sector viticultor da Ribeira Sacra concentrado esta mañá diante do Edificio Administrativo da Xunta en Lugo.

Os e as profesionais da viticultura desprazáronse ata a capital provincial dende diversos puntos do sur da provincia de Lugo para demandarlle ao Goberno Galego medidas que axuden a mellorar as condicións actuais para garantir un futuro para a súa profesión. Solicitan á Xunta medidas urxentes para impulsar na Ribeira Sacra a remuda xeracional, que xunto ás enfermidades que afectan á uva é un dos grandes problemas que sofre o sector na zona, "ao que agora se suma tamén o feito de que hai produtores aos que non se lles vai recoller a uva, o que supón un golpe letal para parte do sector", explicou Suárez.

O BNG defendeu este martes no Pleno do Parlamento unha iniciativa coa que se acadou o acordo para conceder axudas directas ao sector. "O Executivo de Rueda fixo oídos xordos ante as reclamacións que levan facendo dende hai meses os viticultores, que se enfrontan a unha grave crise diante da cal a Consellería do Medio Rural só ten ofrecido unha liña de axudas pírricas". Isto, insiste o deputado, só demostra o descoñecemento do noso territorio. 

É necesaria a posta en marcha dunha campaña de promoción seria e ben financiada dos viños da Ribeira Sacra, explicou Iago Suárez, e cuestionou, neste sentido, a efectividade das medidas anunciadas pola Xunta, como a "destilación de crise" para as bodegas que queiran dar saída aos excedentes, sen que vaia asociada á recollida de uvas aos viticultores.

O parlamentario do BNG lembrou que "sen viticultores non hai Ribeira Sacra" e que unha Ribeira Sacra Patrimonio da Humanidade non ten sentido se o sector non conta con axudas coas que poder saír adiante, pois son as e os traballadores os que axudan e permiten que a paisaxe se conserve. Se non se pon remedio, insiste, "será a fin dunha actividade económica milenaria".

 

O BNG apoia as demandas do sector viticultor da Ribeira Sacra ante a pasividade da Consellería de Medio Rural