O BNG APOIA A MANIFESTACIÓN CONVOCADA POLOS AFECTADOS POLAS PREFERENTES

O BNG APOIA A MANIFESTACIÓN CONVOCADA POLOS AFECTADOS POLAS PREFERENTES

O BNG tivo un papel activo na defensa dos afectados polas preferentes e subordinadas, reclamando en todas as institucións o reintegro do 100 % do diñeiro de cada aforrado

Esta semana a portavoz do BNG no Congreso dos Deputados, Olaia Fernández Davila, presentaba unha PNL que insta ao Goberno a aprobar un mecanismo que garanta no primeiro trimestre de 2013 a devolución íntegra dos aforros ás persoas estafadas

Lugo, 1 de febreiro de 2013. O BNG estará mañá, sábado, 2 de febreiro, na manifestación convocada polos afectados polas preferentes e subordinadas, como ten estado en todas as manifestacións e concentracións convocadas polos afectados por esta estafa. Será ás once e media da mañá, con saída da Alameda e chegando a Monte Pío e contará coa presenza do portavoz nacional, Guillerme Vázquez.

A presenza do BNG na rúa, tanto nesta, como nas diferentes manifestacións convocadas por este colectivo, vén acompañada por un traballo nas institucións en defensa das persoas estafadas. Así, o Bloque Nacionalista Galego ten presentado iniciativas no Parlamento Galego, no Congreso dos Deputados e nos concellos galegos dende que se descubriu a fraude. O Bloque Nacionalista Galego defende na rúa e nas institucións a urxencia dunha solución para as persoas ás que se lles roubaron os seus aforros.

Tanto no Congreso dos Deputados como no Parlamento de Galiza, o BNG ten reclamado a impugnación do decreto que permite “expropiar” os cartos das preferentes. Tal e como ten manifestado o Bloque desde as diferentes tribunas públicas e institucionais, non é de recibo a saída que se lle dá a este colectivo, a de impoñer unha quita que pode chegar até o 70 por cento dos cartos investidos e abonar o resto en forma de accións, accións que no caso dos que subscribiron as preferentes coas antigas caixas galegas non poderán vender porque Nova Galicia Banco está intervida.

De feito, esta semana a deputada do BNG no Congreso, Olaia Davila, fronte ao acordo tomado en días pasados entre o PP e o PSOE e que cualificou de “un lavado de cara para confundir aos aforradores propoñendo a creación dunha comisión que non terá valor ningún” presentou unha Proposición Non de Lei na Cámara Baixa que insta ao Goberno a aprobar un mecanismo que garanta no primeiro trimestre de 2013 a devolución íntegra dos aforros ás persoas estafadas pola comercialización de participacións preferentes. Ademais, a deputada do BNG pide que se deixen en suspenso as facultades do FROB estabelecidas no Real Decreto Lei 24/2012 que “pode supor a asunción de perdas por parte dos aforradores que sexan titulares de participacións preferentes”.

O BNG APOIA A MANIFESTACIÓN CONVOCADA POLOS AFECTADOS POLAS PREFERENTES