O GRUPO DO BNG DA DEPUTACIÓN ACUSA Á XUNTA DAS ESTAFAS DAS PREFERENTES E DE ALIMENTOS LÁCTEOS

O GRUPO DO BNG DA DEPUTACIÓN ACUSA Á XUNTA DAS ESTAFAS DAS PREFERENTES E DE ALIMENTOS LÁCTEOS

 

Mario Outeiro pide a Feijóo que se responsabilice da neglixente xestión de Alimentos Lácteos que está arruinando a centos de familias lucenses

 

Lugo, 11 de xaneiro de 2013. O Grupo Provincial do BNG na Deputación lucense amosa, unha vez máis, o seu total apoio aos afectados pola estafa das participacións preferentes que, esta mañá, se manifestaron diante da institución provincial, e volve pedir que non se aplique a quita.

Neste senso, o portavoz nacionalista no ente, Mario Outeiro, recordou  que a formación nacionalista impulsou na Deputación até tres mocións diferentes pedindo á Xunta de Galiza e ao Goberno do Estado a devolución íntegra do invertido nas participacións preferentes e obrigacións subordinadas, ademais das mocións presentadas na práctica totalidade dos concellos da provincia.

Dende o BNG aseguran que os gobernantes do Partido Popular seguen facendo oídos xordos a todas as reivindicacións dos afectados preferindo apoiar aos estafadores en lugar de pórse do lado dos estafados. “O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, e o presidente do Goberno central, Mariano Rajoy, prefiren fechar os ollos e non ver como o diñeiro dos cidadáns é expropiado para paliar os números vermellos das entidades bancarias. As mesmas entidades que despois de taxar unha vivenda, previa concesión de hipoteca, son capaces de quedarse coa mesma pola metade do seu valor, reclamándolles aos usuarios a diferenza. Son os ladróns do século XXI, persoas ben valoradas socialmente que rouban con luva branca coa seguridade de que a lexislación e a dereita política os respaldan”.

“O PP e a banca –continúa Outeiro- xogaron e xogan cos afectados polas participación preferentes e  o capital subordinado, pero este non é o único atraco que o Goberno galego está permitindo, xa que o presidente Feijóo está a ser cómplice do roubo aos gandeiros que entregan o leite a Alimentos Lácteos”.

Os nacionalistas piden á Xunta que se responsabilice da xestión de Alimentos Lácteos xa que foron o Goberno galego e o seu presidente os creadores deste grupo cooperativo, polo que insisten en que “agora debe asumir as súas responsabilidades ante prácticas irresponsábeis e neglixentes que están arruinando o medio de vida dun país. Debido á mala xestión deste grupo empresarial, centos de familias perderon parte do seu patrimonio ao converter millóns de euros impagados do leite en débeda irrecuperábel”.

Para Outeiro “é unha baixeza e unha inmoralidade tratar de analfabetos aos afectados argumentándolles que si seguen calados van saír beneficiados no futuro.  Nin a Xunta, nin o IGAPE deron explicacións dos balances ruinosos da empresa a pesar de pór en perigo a economía de moitas familias labregas que lle continúan entregando o leite a este grupo”.

“É lamentábel que o que puido ser o núcleo dun proxecto de Grupo Lácteo Galego, de base cooperativa, se converta na frustración do cooperativismo galego. A desfeita de Alimentos Lácteos é  premeditada” – conclúe o portavoz do Grupo do BNG na Deputación.

O GRUPO DO BNG DA DEPUTACIÓN ACUSA Á XUNTA DAS ESTAFAS DAS PREFERENTES E DE ALIMENTOS LÁCTEOS