O BNG celebra este sábado en Lugo o seu 30 aniversario ao servizo de Galiza
Os nacionalistas festexarán esta efeméride cun acto público ás 12 da mañá na Praza Anxo Fernández Gómez
Lugo, 18 Setembro 2012.- O Bloque Nacionalista Galego celebrará este sábado en Lugo o seu trinta aniversario cun acto público ás 12 da mañá na Praza Anxo Fernández Gómez, ubicada detrás do edificio do Concello, onde haberá intervencións políticas, música e outras actividades.
No acto, que lembra á Asemblea fundacional de Riazor do 26 de setembro de 1982, intervirán históricos militantes nacionalistas como Lois Diéguez, membros da actual dirección do BNG, como Ana Pontón ou María Xosé Pardo, e o cabeza de lista ao Parlamento Galego pola provincia de Lugo nas eleccións do vindeiro 20 de outubro, Cosme Pombo. O BNG fixo esta mañá polas rúas de Lugo un reparto informativo sobre este acto no que participaron cargos orgánicos e institucionais do BNG.
O cabeza de lista por Lugo, Cosme Pombo, destacou que o BNG leva 30 anos sumando esforzos por unha Galiza máis xusta, máis próspera e dona de si e reiterou que servir ao pobo galego é a única razón de ser do Bloque Nacionalista Galego. De cara aos comicios do vindeiro día 20, Cosme Pombo indicou que hai que facer fronte ás políticas da dereita e dos mercados e ao recorte incesante de dereitos e de benestar das maiorías sociais.
Sobre o Goberno de Feijóo, o candidato nacionalista afirmou que o balance que presenta Feijóo dos seus tres anos e medio de goberno é de fracaso absoluto. Por exemplo, dixo, desde que chegou Feijóo o paro pasou do 12 ao 21% e hoxe hai 275.000 persoas desempregadas en Galiza.
Finalmente, Cosme Pombo insistíu en que Feijóo non pensa en Galiza, obedece cegamente aos ditados de Madrid e de Rajoy. Os seus plans agora son máis recortes, desta vez nas pensións, alertou. Por iso, dixo, logo de 30 anos a sociedade galega segue a ter no BNG o mellor instrumento para parar os recortes, avanzar no autogoberno e no benestar; a única forza política que tem o seu centro de decisión em Galiza e que sempre pon as persoas por diante dos mercados.