O BNG ASAMBLEAS ABERTAS PRESENTOU EN BECERREÁ AOS CABEZAS DE LISTA DE VARIOS CONCELLOS DA MONTAÑA
No acto participaron as candidatas de As Nogais, Helena Santín e de Becerreá, Sabela Pérez, e os candidatos de Baralla, Xosé Manuel Becerra e de Navia de Suarna, Roberto Carballo
Unha aposta pola revitalización dos concellos da montaña foi a aposta unánime dos alcaldables do BNG Asambleas Abertas
Lugo, 3 de maio 2015. Nun acto aberto no concello de Becerreá presentáronse as persoas que encabezan as candidaturas do BNG Asambleas Abertas nos concellos de As Nogais, Baralla, Becerreá e Navia de Suarna. No acto participou, tamén, o parlamentario do BNG, Cosme Pombo. Unha aporta pola revitalización dos concellos da montaña foi a aposta unánime das candidatas de As Nogais, Helena Santín e de Becerreá, Sabela Pérez, e dos candidatos de Baralla, Xosé Manuel Becerra e de Navia de Suarna, Roberto Carballo.
Mocidade e renovación son as características máis salientables das candidaturas presentadas nas que únicamente o candidato de Baralla ten experiencias similares en pasados comicios. Tanto as candidatas de As Nogais e Becerreá, como o candidato de Navia de Suarna, preséntanse como candidatos a alcaldía por primeira vez.
Todos os candidatos e candidatas coincidiron na necesidade de implementar políticas que redunden na creación de emprego e na potenciacións dos valores endóxenos da zona para asentar poboación e evitar a sangría demográfica que están a sufrir os concellos da zona. Apostar pola promoción do turismo e a posta en valor dos recursos agro-gandeiros serán unha das apostas dos nacionalistas en caso de chegar aos gobernos municipais.
Dende as candidaturas do BNG Asambleas Abertas sinalaron que hai que cambiar as políticas postas en práctica por PP e PSOE nos nosos concellos, cambiando as políticas caciquiles e clientelares por transparencia e dereitos para os veciños e veciñas . Para os nacionalistas compre aplicar medidas para que a mocidade quede nos nosos concellos e evitar que sigan marchando cun futuro incerto mentres se perden os recursos que o noso entorno nos ofrece.