O BNG Asembleas Abertas proporá un plan de retirada de simboloxía franquista no concello de Lugo
A proposta pasa por artellar un mecanismo para que o concello asuma os gastos de retirada das placas nas comunidades de propietarios que o desexen retirar estes símbolos
Rubén Arroxo lembrou que ademais destas placas situadas en edificios de vivendas e casas particulares aínda quedan escudos franquistas en edificios públicos
Lugo, 23 F- 2016. 35 anos despois do intento de golpe de estado, o BNG Asembleas Abertas pide un plan de retirada de simboloxía franquista no concello de Lugo. Rubén Arroxo dixo que ninguén se imaxina que a Alemania con esvásticas nas paredes e aquí hai moitos edificios con xugo e as frechas. O voceiro do BNG Asembleas Abertas lembrou que en Lugo, e outras cidades, aínda quedan moitos edificios que teñen pequenas placas nas súas fachadas que teñen os símbolos da falanxe. Rubén Arroxo lembrou que ademais destas placas situadas en edificios de vivendas e casas particulares aínda quedan escudos franquistas en edificios públicos e indicou que aínda estamos pendente de que se cambie o nome de varias rúas que, a día de hoxe, manteñen as placas con nomes de individuos que tiveron destacado papel no réxime franquista. Arroxo lembrou, tamén, o caso dos escudos situados no IES Virxe dos Ollos Grandes e do edificio de sanidade da rúa María Balteira. O BNG Asembleas Abertas pediu que o concello estableza un procedemento de retirada das placas con simboloxía franquista para aquelas comunidades de veciños sen que lles supoña ningún tipo de custo. É un xeito de avanzar na imaxe democrática do noso concello e de facer xustiza con todas as persoas que foron represaliadas afirmou Rubén Arroxo. O concello deberá artellar un mecanismo para que o concello asuma os gastos de retirada das placas nas comunidades de propietarios que o desexen eliminar estes símbolos.