RUBÉN ARROXO: "O 25X É UNHA XORNADA PARA FESTEXAR A NOSA IDENTIDADE, PERO TAMÉN PARA RECLAMAR UNHA GALIZA CON FUTURO, CON VOZ E CON SOBERANÍA"

O BNG chama á participación masiva na manifestación do 25 de xullo, Día da Patria Galega

Rubén Arroxo: "O 25X é unha xornada para festexar a nosa identidade, pero tamén para reclamar unha Galiza con futuro, con voz e con soberanía"

Realizouse un reparto informativo polas rúas de Lugo, dentro da campaña 'Galiza Sempre, unha nación en marcha pola súa soberanía'

O BNG chama á participación masiva na manifestación do 25 de xullo, Día da Patria Galega

 

 

Lugo, 24 de xullo de 2025. O BNG de Lugo realizou este xoves un reparto informativo nas rúas da cidade, dentro da campaña nacional polo Día da Patria Galega, que este ano se celebra baixo o lema "Galiza Sempre, unha nación en marcha pola súa soberanía".

 

Este ano, o Día da Patria adquire un significado especial ao celebrarse no Ano Castelao, coincidindo co 75 aniversario do seu pasamento. "Castelao simboliza o compromiso cunha Galiza dona de si, con dereitos e sen medo a decidir; e hoxe máis ca nunca cómpre reivindicar o seu legado", destacou Rubén Arroxo, portavoz do BNG no Concello de Lugo.

 

"O 25 de xullo é unha data para festexar o orgullo de sermos galegas e galegos, pero tamén unha xornada de loita e mobilización. É o día no que dicimos que queremos decidir sobre o noso futuro e que Galiza non pode seguir sendo tratada como un territorio ao servizo de intereses alleos", afirmou Aroxo.

 

Neste sentido, o portavoz fixo referencia a proxectos que se están a promover sen contar coa vontade do País nin co respecto ao medio ambiente, como o caso de ALTRI, que está a xerar forte rexeitamento social. "A defensa da nosa soberanía tamén implica defender o territorio, e proxectos como o de ALTRI amosan a urxencia de que poidamos decidir sobre o noso modelo de desenvolvemento, e non depender de decisións tomadas desde lonxe", sinalou.

 

O BNG reitera tamén o seu apoio ao pobo palestino, lembrando que a loita pola liberdade é unha causa común de todos os pobos do mundo. "Neste 25 de xullo tamén facemos presente a nosa solidariedade internacionalista, co pobo palestino e con todas as nacións que resisten ante a ocupación e a inxustiza", insistiu Arroxo.

 

Desde o BNG de Lugo fan un chamamento á veciñanza a participar activamente na manifestación nacional de mañá 25 de xullo en Compostela, como mostra de dignidade colectiva e compromiso co futuro. "O 25 de xullo é o día no que Galiza se ergue, con orgullo e esperanza e no que dicimos que queremos vivir nun país que poida decidir, defender os seus recursos e avanzar con paso propio", concluíu Rubén Arroxo.

O BNG chama á participación masiva na manifestación do 25 de xullo, Día da Patria Galega