“IMOS CONTINUAR PROGRAMANDO ENCONTROS FEMINISTAS POR QUE A SOCIEDADE DEMANDA INFORMACIÓN E MOBILIZACIÓN NESTE EIDO” DIXO MAITE FERREIRO

O BNG continúa co ciclo de Charlas Feministas

IMG_6330
Maite Ferreiro e Elvira Lombao presentando as xornadas na pza. Maior de Lugo

A Endometriose e a Violencia Machista centrarán as temáticas a tratar nos encontros que se celebrarán o 25 de setembro e o 27 de novembro

O BNG continúa co ciclo de Charlas Feministas

Lugo, 21 de setembro de 2018. A edil do BNG, Maite Ferreiro, presentou as novas convocatorias do ciclo de Charlas Feministas que o BNG ven programando dende principios do pasado ano en Lugo. Ferreiro informou que, como xa é habitual, as charlas celebraranse no Salón de Actos do Centro Social Uxio Novoneyra e explicou “a Endometriose e a Violencia Machista centrarán as temáticas a tratar nos encontros que se celebrarán o 25 de setembro e o 27 de novembro”.

A primeira das charlas leva por título Coñecendo a Endometriose e terá lugar o martes, 25 de setembro de 2018, a partir das 19:30 horas no Salón de actos do Centro Social Uxio Novoneyra. Neste encontro falarán a representante da Asociación QUERENDEO – Mulleres con Endometriose, Andrea López, a Xinecóloga Xubilada, Chus Méndez, e Maite Ferreiro Concellería do BNG en Lugo.

A seguinte charla está prevista para o martes, 27 de novembro de 2018, e versará sobre Xustiza e Violencia Machista. Igual que as anteriores celebrarase  a partir das 19:30 horas no Salón de actos do Centro Social Uxio Novoneyra. Neste caso intervirán a Maxistrada do social nº 3, Dalila Dopazo, a Fiscal de Violencia Machista, Pilar Fernández, e pechará o turno de intervencións a edil do BNG en Lugo, Maite Ferreiro.

Maite Ferreiro convidou a todas as mulleres e ás persoas interesadas a asistir a estes encontros por que “queremos que Lugo funcione e para iso temos que construir unha sociedade máis igualitaria na que as mulleres sexan protagonistas das súas propias vidas e da vida da cidade na que viven”. Ademais, a edil do BNG, confirmou que ““Imos continuar programando encontros feministas por que a sociedade demanda información e mobilización neste eido”.

O BNG continúa co ciclo de Charlas Feministas