O REMATE DO CONTRATO DA PERSOA QUE SE ENCARGA DAS COMUNICACIÓNS E EXPEDIENTES DE LIMPEZA DEIXOU SEN ATENCIÓN ESTE ASUNTO
O BNG denuncia que, no concello, “non hai ninguén facéndose cargo da limpeza dos solares”
Veciñas e veciños están contactando co BNG para buscar solucións ante a parálise á que o goberno municipal ten sometido ao Concello
Lugo, 20 de setembro de 2018. Rubén Arroxo informou de que “non se están atendendo as denuncias e reclamacións polos terreos que están en diferentes zonas da cidade cheos de maleza e ratas”. O persoal que atendía este servizo rematou o contrato e o goberno municipal non tivo a previsión de dar continuidade a este servizo tan necesario e demandado. Son moitas as persoas que se dirixen ao BNG para reclamar atención sobre este problema que afecta a numerosos puntos da cidade.
Ata fai pouco tempo o Departamento de Disciplina Urbanística do Concello de Lugo tiña persoal asignado a tramitación das queixas e denuncias que se recibían por solares abandonados e cheos de maleza que non cumpren coa normativa municipal. O remate do contrato da persoa que se encargaba das comunicacións e expedientes de limpeza deixou sen atención o servizo que as debía tramitar.
Arroxo explicou que “veciñas e veciños están contactando co BNG para buscar solucións ante a parálise á que o goberno municipal ten sometido ao Concello” e anunciou “tomaremos medidas para que o goberno remedie esta cuestión e volva a poñer en funcinamento o departamento que fai as comunicacións e tramita os expedientes relativos ao cumprimento das ordenanzas de medio ambiente que afectan á limpeza de terreos”.