O BNG CRITICOU A NOVA PARALIZACIÓN DAS OBRAS DA PONTE SOBRE O RÍO MERA EN ORBAZAI
A falta de previsión á hora de redactar o proxecto provocarán un retraso por que non se tiveron en conta as últimas modificacións na normativa de seguridade dixo Abraira
Para o BNG non é normal que se desprecen os servizos técnicos do concello e que o proxecto se contratara a unha empresa externa Lugo, 27 de novembro 2014. A voceira nacionalista no concello de Lugo, Paz Abraira, informou hoxe sobre a paralización das obras da ponte sobre o río Mera. Esta paralización das obras está motivada por unha necesaria modificación do proxecto en relación a seguridade das varandas que se van instalar. Abraira sinalou que é responsabilidade do goberno municipal e concretamente do concelleiro responsábel de medioambiente que non tiveran a previsión suficiente á hora de encargar a redación do proxecto. Paz Abraira criticou que o goberno municipal, unha vez máis, desprezara os servizos técnicos do concello e que o proxecto se contratara a unha empresa externa. Agora o proxecto terá que ser modificado por non contemplar as condicións técnicas definidas nas últimas normativas sobre seguridade viaria. Esta modificación do proxecto suporá un importante retraso nas obras e un incremento no custo da execución. Ademais dos retrasos provocados por esta modificación do proxecto a obra da ponte sobre o río Mera xa sufrira retrasos non previstos por que, nun principio, non se contemplaran os tempos de maduración do formigón. Abraira solicitou, tamén, que se acondicionen vías alternativas para que veciños e veciñas poidan chegar ás súas casas mentres non rematen as obras.