O BNG PROTESTOU NO PARLAMENTO POLA TRAMITACIÓN DA ILP QUE PEDÍA OS SERVIZOS PARA O HULA
Cosme Pombo criticou os continuos retrasos, por parte do PP, na tramitación desta iniciativa avalada por máis de 43.000 persoas
Para o BNG non é normal que o partido popular manteña as emendas que modifican o texto original da ILP
Santiago de Compostela, 29 de novembro 2014. O Parlamentario do BNG, Cosme Pombo, informou hoxe do resultado da xuntanza sobre a ILP que reclamaba a dotación dos sevizos de hemodinámica ás 24 horas, radioterapia e medicina nuclear para o hospital de Lugo. Nesta xuntanza, na que estaban representados os principais grupos políticos con presenza na cámara galega, o BNG manifestou a súa enérxica protesta polos retrasos continuados e intencionados provocados polo PP na tramitación desta ILP.
Cosme Pombo sinalou que mentres o BNG defende que se manteña o texto orixinal para garantir a igualdade asistencial para que os lugueses e luguesas non sexan discriminados, o PP mantivo a emenda que pretende a modificación do texto da ILP que fora avalado por 43000 firmas. Pombo lembrou que as emendas presentadas polo PP anulan os prazos establecidos no texto da ILP que fora aprobada por unanimidade en sesión plenaria do Parlamento Galego.
O BNG mantivo a súa posición e defendeu o texto original da ILP e para que empezara a funcionar nos prazos previstos no texto da ILP. Cosme Pombo explicou que agora pasará a debatirse na comisión de sanidade do Parlamento Galego o informe da ponencia resultado desta xuntaza para, posteriormente, elvar o texto a debate plenario. Novamente será no pleno do parlamento onde todos os grupos políticos se teñan que posicionar sobre o texto da ILP e da emenda do PP. O BNG agarda que o PP reconsidere a súa postura para atender as demandas da cidadanía e trate aos lucenses igual que ao resto dos Galegos.
Neste marco o BNG, a través do parlamentario lucense Cosme Pombo, manifestou a súa enérxica protesta pola xestión do PP na tramitación da ILP. Cosme Pombo acusou aos populares de dilatar no tempo a tramitación e por intentar modificar o texto da ILP dando as costas aos promotores da mesma e a a todas as persoas que a apoiaron coa súa sinatura. Pombo lembrou que o PP aprobou inicialmente o texto da ILP para logo intentar reformala pola porta de atrás e tamén dixo que Núñez Feijoo, en febreiro de 2011 na inauguración do HULA, afirmou que este centro hospitalario contaría con todos os servizos.