O BNG CRITICOU O RETRASO NO ARRANXO DA AVARÍA DA REDE DE ABASTECEMENTO DE AUGAS EN FONTIÑAS

O BNG CRITICOU O RETRASO NO ARRANXO DA AVARÍA DA REDE DE ABASTECEMENTO DE AUGAS EN FONTIÑAS

Paz Abraira advertiu que non está prevista a substitución da rede de fibrocemento na zona onde se produciu esta última avaría

O actual equipo de goberno anunciou a elaboración dun estudo sobre as características da rede de abastecemento “pero nunca se soubo nada sobre o seu contido” afirmou Paz Abraira

Lugo, a 18 de agosto de 2014. A voceira do BNG no concello de Lugo, Paz Abraira, sinalou que "chama a atención que o goberno municipal non fose capaz de atopar unha empresa que resolvese a situación". Paz Abraira dixo que "se as empresas de Lugo non poden asumir este traballo de xeito inmediato o concello terá que buscar solucións con empresas foráneas". Para o BNG o goberno municipal debería buscar solucións inmediatas xa que unha avaría deste tipo implica ter sen auga a moitos veciños e veciñas durante moito tempo ademais de provocar graves prexuízos aos negocios da zona.

A edil nacionalista advertiu que non está prevista a substitución da rede de fibrocemento na zona onde se produciu esta última avaría xa que o contrato está previsto para o tramo comprendido entre o Carril de Caiñós e a rúa San Xillao. Abraira referiuse tamén ao desmantelamento do servizo municipal de augas como unha das causas que impediron que se puidera actuar como máis celeridade xa que “agora non hai traballadores de garda nin localizados que poidan intervir nunha avaría destas características”. Dende o BNG sinalaron que para actuar sobre a rede de abastecemento, que aínda mantén tubería de fibrocemento, compre que se faga cos medios axeitados para garantir a seguridade dos traballadores.

Para o BNG é fundamental que o goberno municipal poña en marcha un plan de substitución da rede de abastecemento. “Neste momento a rede, en moitas zonas, non cumpre coas condicións necesarias para garantir o subministro e ademais provoca constantes avarías” dixo Paz Abraira. Dende o BNG lembrouse que o actual equipo de goberno anunciou a elaboración dun estudo sobre as características da rede de abastecemento “pero nunca se soubo sobre o estudo nen o seu contido” afirmou Paz Abraira.

O BNG CRITICOU O RETRASO NO ARRANXO DA AVARÍA DA REDE DE ABASTECEMENTO DE AUGAS EN FONTIÑAS