O BNG CUESTIONA A ADXUDICACIÓN DE PRAZAS NOS CURSOS DE NATACIÓN DO CONCELLO
Cristina Ferreiro dixo que pola información que temos existe bastante discrecionalidade no momento de adxudicar as prazas que quedan libres nos cursos
Lugo, 22 de abril, 2014. O BNG presentou unha serie de preguntas para tratar de clarificar cal é método de adxudicación das prazas que quedan vacantes nos cursos de natación que se imparten dende o concello. O BNG quere que se aclare cal é o sistema que utiliza a área de deportes tras recibir un importante número de queixas. Cristina Ferreiro dixo que pola información que temos existe bastante discrecionalidade no momento de adxudicar as prazas que quedan libres nos cursos tras renuncia de nenos e nenas que foron admitidos inicialmente.
O concello de Lugo programa cursos de natación nas instalacións municipais deportivas do parque da Milagrosa e das Pedreiras. A elevada demanda para a participación nestes cursos obriga a establecer un baremo para a admisión de alumnos e alumnas. Cristina Ferreiro explicou que unha vez adxudicadas as prazas publícanse unhas listaxes coas persoas admitidas pero nalgunhas destas persoas renuncian a súa praza nos cursos. O método para cubrir as prazas que quedan libres é o que desperta dúbidas entre as persoas usarias dixo Cristina Ferreiro.
Dende o BNG entenden que o concello non debe manter procedementos oscuros que levanten as sospeitas dos cidadáns. As preguntas que os nacionalistas presentaron para a seguinte comisión van encamiñadas a saber cal é o sistema establecido para elaborar o listado de admitidos/as nos cursos e cal é o sistema para determinar, a posteriori quenes cubren as prazas que quedan libres.
Preguntas presentadas para a comisión:
Cal é o sistema establecido para elaborar o listado de admitidos/as nos cursos?
Dado que a programación de cursos é trimestral, existe algún procedemento de control para que o alumnado que non asistiu os trimestres anteriores teña preferencia sobre os/as solicitantes que xa foron admitidos nos cursos?
Cal é o sistema establecido para cubrir as prazas que quedan baleiras, tras a publicación das listas de persoas admitidas, no caso de que as persoas inscritas renuncien a participar?
Existe algún sistema de lista de agarda para cubrir as prazas que quedan baleiras nos cursos de natación programados polo concello?
En caso de existir lista de agarda, cal é o procedemento establecido para a súa elaboración?
En caso de existir lista de agarda. Teñen as persoas solicitantes acceso á listaxe destas listas de agarda?
En caso de existir lista de agarda. Como se contacta coas persoas que entrarían a cubrir as prazas que quedan baleiras?
En caso de non contactar con estas persoas, cal é o procedemento establecido para cubrir as prazas vacantes?
Ocúpanse todas as prazas previstas para os cursos de natación que programa o concello de Lugo?
Existe un control do número de faltas do alumnado?
No caso de que un alumno ou alumna acumule o número máximo de faltas establecido, dáselle de baixa no curso e procédese a cubrir esa praza?
Cal é o número de solicitudes recibidas no concello para participar nos cursos de natación anualmente?
Cal é o número de prazas existentes para os cursos de natación organizados polo concello anualmente?
Cal é o número de persoas que, finalmente, realizan os cursos de natación?