ARROXO: "NALGÚNS CASOS, AS ASEGURADORAS SUBIRON ATA 12 VECES O PREZO QUE ESTABAN A PAGAR"

O BNG defenderá no pleno que o goberno tome medidas ante a situación do sector do taxi


Arroxo: "Nalgúns casos, as aseguradoras subiron ata 12 veces o prezo que estaban a pagar"

O sector do taxi realizará unha folga o vindeiro mércores 29 para reclamar medidas ante esta situación

O BNG defenderá no pleno que o goberno tome medidas ante a situación do sector do taxi



Lugo, 23 de xaneiro de 2025. O Portavoz do BNG de Lugo, Rubén Arroxo, anunciou que o BNG vén de presentar unha proposición ao vindeiro pleno para que o Goberno do Estado tome medidas ante a situación á que se están a afrontar as e os profesionais do taxi debido á suba dos prezos dos seguros. "Estamos a ver como moitos profesionais están a recibir subas de ata 12 veces o prezo anterior do seu seguro", explicou Rubén Arroxo, que engadiu "esta situación está poñendo en perigo a continuidade da actividade de moitas e moitos profesionais, especialmente no caso das e dos autónomos"

O BNG reclama na proposición que a Dirección Xeral de Seguros, dependente do Ministerio de Economía, supervise ás compañías aseguradoras, evitando prácticas abusivas como subas inxustificadas de prezos que non se axustan aos riscos, e a formular as medidas precisas para garantir que as aseguradoras non poidan acometer prácticas unilaterais e abusivas.

As aseguradoras xustifican os incrementos dos prezos na inflación, no aumento de custo dos sinistros, na suba dos baremos das indemnizacións e no aumento da sinistralidade, mais estes argumentos non se axustan á realidade: a inflación non pode xustificar unha suba maior ao IPC, e non é certo que exista un aumento da sinistralidade nin un maior número de partes ou incidentes a cubrir polas aseguradoras. Ademais, en moitos casos, os profesionais non só se atopan con cotas superiores, senon que as aseguradoras obrigan tamén a contratar tamén seguros de decesos, fogar ou vida, unha práctica comercial declarada abusiva pola Dirección Xeral de Seguros.

O taxi é un servizo público, especialmente no rural onde cumpre unha función esencial como transporte público ao non haber máis alternativas para a mobilidade das persoas. As administracións públicas teñen que garantir a prestación dun servizo de calidade para todas as persoas usuarias, non discriminatorio e con cobertura en todo o territorio.

O BNG defenderá no pleno que o goberno tome medidas ante a situación do sector do taxi