MIGUEL VIEITO: "ESTAS TRABAS E FALTA DE TRANSPARENCIA SON UNHA CONSTANTE E POÑEN AS MÁXIMAS DIFICULTADES POSIBLES AO TRABALLO QUE FACEMOS DENDE A OPOSICIÓN"
O BNG de Outeiro de Rei preguntase porque o Alcalde denega o acceso da oposición a elementos patrimoniais do Concello por sétima vez

Miguel Vieito: "Estas trabas e falta de transparencia son unha constante e poñen as máximas dificultades posibles ao traballo que facemos dende a oposición"
Outeiro de Rei, 24 de xaneiro de 2025. Os concelleiros do Bloque Nacionalista Galego de Outeiro de Rei solicitaron formalmente en varias ocasións ao Sr. Alcalde poder visitar as instalacións onde se atopan a antiga fonte que estaba na praza do concello e máis a porta medieval que se atopaba na vila de Outeiro e foi derribada durante as obras de construción do centro de día en 2023.
"Esta política autoritaria e absolutista que mantén o Sr. Alcalde coñecémola moi ben no concello de Outeiro de Rei", afirma Vieito. Por parte do BNG de Outeiro fíxose a petición de acceso a estes elementos patrimoniais sete veces, estes impedimentos dannos a pensar que se esta ocultando algo e non permiten que a oposición fagamos o noso traballo.
O concelleiro nacionalista preguntase: "Será que estes bens están xa totalmente deteriorados ou incluso será que xa desapareceron ou están en lugares onde non deberían? Todas estas preguntas resolveríanse se tiveramos acceso a eles".
Miguel Vieito lamenta esta situación que, por outra parte, "non é nova, xa que se repite dende hai meses" e, incluso o Sr, Alcalde "negouse a colaborar como se debe" coa Valedora do Pobo ante a petición de amparo presentada polos nacionalistas sobre o veto de acceso a informacións públicas.
"Non hai dúbidas de que teñen moitas cousas que ocultar xa que, do contrario, non terían ningún problema en facilitar toda a información e accesos que lles solicitamos dende o Grupo Municipal do BNG e tamén a Valedora do Pobo", sentenciou.