A CONCELLEIRA RESPONSÁBEL DE TURISMO AFIRMOU QUE "PROMOCIONAR LUGO COMO DESTINO TURÍSTICO É DOADO. TEMOS A GRAN FORTUNA DE CONTAR CUN PATRIMONIO ETNOGRÁFICO, GASTRONÓMICO E CULTURAL QUE FALA POR SI SÓ"
Maite Ferreiro destaca o turismo de Lugo na feira FITUR, un turismo "de calidade e non masificado cun importante peso cultural, gastronómico e patrimonial"

A exhibición do Concello de Lugo tivo lugar hoxe no espazo de Galiza da Feira Internacional de Turismo
A concelleira responsábel de Turismo afirmou que "promocionar Lugo como destino turístico é doado. Temos a gran fortuna de contar cun patrimonio etnográfico, gastronómico e cultural que fala por si só"
Lugo, 24 de xaneiro de 2025. A Concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, asistiu esta mañá á Feira Internacional de Turismo Fitur, onde Lugo amosou os seus encantos e a súa privilexiada ubicación, cunha presentación titulada Lugo no Camiño. Maite Ferreiro afirmou que "volvemos un ano máis a Fitur para ensinar ao mundo a nosa riqueza cultural e patrimonial, a nosa hospitalidade e os nosos atractivos únicos", e engadiu "a unión de todos estes aspectos que fan de Lugo un destino inesquecible para aquelas persoas que nos visitan".
A concelleira de Turismo afirmou na presentación que "este 2025 celebramos 25 anos desde que a nosa Muralla foi declarada patrimonio da humanidade e 10 dende que o foi o Camiño Primitivo". Segundo anunciou Maite Ferreiro, "estamos preparadas para celebralo como merece e seguiremos insistindo na nosa idea de que Lugo debe seguir sendo a cidade viva na que entre todas a convertimos".
Ferreiro insistiu en que Lugo pode ser o epicentro dunha experiencia maior, dunha viaxe e inmersión na Galiza para coñecela a fondo. "Temos a sorte de estar situados a menos de 100 km de lugares emblemáticos e representativos da nosa terra, polo que podemos ser a base de operacións para o desembarco na Galiza, para vivila enteira", explicou Ferreiro, "Lugo Km100 é o comezo da viaxe, é o punto onde todo comeza e o fío que une un sinfín de experiencias". A concelleira deixou claro que se está a afondar nesa idea porque funciona e os datos así o demostran, "pero sempre a través dun turismo de cercanía, responsable e de calidade".
Para Maite Ferreiro "o máis difícil está feito", xa que Lugo xa non é ese gran descoñecido, "Lugo xa está na boca e mente de cada vez máis xente, e aqueles que nos visitan, non nos esquecen". "Pero hai que seguir camiñando cara o obxectivo, facer da nosa cidade un lugar ao que querer acudir para descubrir os seus tesouros", insistiu a concelleira de Cultura e Turismo,
"Agardamos a todo o mundo cos brazos abertos e un sorriso, e animámosvos a coñecer o Lugo cheo de vida, moderno, afable, cómodo e acolledor que agarda por todas as persoas que nos visitan", afirmou Maite Ferreiro durante a presentación, e engadiu "tratarémosvos da mellor das maneiras e acompañarémosvos mentres descubrides Galiza".