O BNG DEMANDA A AMPLIACIÓN DA PONTE SOBRE O RÍO MERA

O BNG DEMANDA A AMPLIACIÓN DA PONTE SOBRE O RÍO MERA

Segundo Paz Abraira “non hai razón para que a obra se continúe demorando, o concello conta coas partidas orzamentarias precisas e proxecto está redactado”

Esta fin de semana un accidente de tráfico puxo de manifesto a necesidade de materializar estas obras

LUGO, 15 de outubro de 2013. O BNG demanda do concello que acometa as obras de ampliación da ponte sobre o río Mera na estrada de Orbazai. Segundo a edil nacionalista, Paz Abraira, "o concello está en disposición de contratar estas obras de ampliación xa que o proxecto está elaborado e o concello conta con partidas orzamentarias suficientes para acometela".

Esta fin de semana un accidente de tráfico puxo de manifesto, unha vez máis, a necesidade de materializar estas obras. Tras este accidente de tráfico unha parte do balado de protección sufriu importantes danos materiais e a concelleira nacionalista dixo que “é importante que se amañe o balado de proteción pero máis importante é que o concello acometa dunha vez por todas as obras de ampliación da ponte”.

A ampliación da ponte sobre o río Mera é unha obra moi demandada polos veciños de Orbazai e, segundo explicou Paz Abraira “O BNG apoia aos veciños e veciñas dende hai moitos anos nesta demanda”. Para o BNG compre que se efectivice esta obra para conectar definitivamente a zona de Orbazai coa cidade.

O proxecto de estructura sobre o río Mera está elaborado dende o mes de abril deste ano 2013 e o concello de Lugo aínda non licitou as obras de execución. O orzamento de esta infraestrutura ronda os 200.000 euros e o goberno municipal comprometera, no momento da aprobación dos orzamentos, esta partida para executala durante o ano 2013.

O BNG DEMANDA A AMPLIACIÓN DA PONTE SOBRE O RÍO MERA