O BNG VALOROU AS FESTAS DE SAN FROILÁN COMO FRÍAS A PESAR DO BON TEMPO
Antón Bao dixo que o feito de que o San Froilán esté protagonizado polos manteiros é sinal de que o programa de festas no tiña o atractivo que debería ter
Bao sinalou que os grupos lucenses quedaron relegados a un segundo plano e desapareceu a participación de colectivos que se implicaban na organización
Lugo, 14 de outubro de 2013. O voceiro do BNG no concello de Lugo, Antón Bao, valorou como frías a pesar do bon tempo as festas deste San Froilán 2013. Bao dixo que O goberno socialista debe prestar máis atención ao San Froilán e que non se esmerou na organización. O voceiro do BNG lembrou que o goberno municipal contratou a unha persoa que costou 10.000 ás arcas do concello para organizar estas festas.
Antón Bao lamentou que o programa do San Froilán esté protagonizado por manteiros e dixo que é sinal de que o programa de festas no tiña o atractivo que debería ter. Para o voceiro nacionalista os grupos de Lugo deixaron de ser protagonistas e esto incidiu na frialdade das festas. Bao lembrou que grupos lucenses, este ano, quedaron aillados e non tiveron a oportunidade de tocar nos dous únicos escenarios da festas, que este ano quedarán reducidos ás prazas de Sta. María e Horta do Seminario.
Bao dixo tamén que percibimos a falta de participación e protagonismo de colectivos que estaban implicados e participaban nas festas. Este é o caso dos colectivos vencellados á artesanía, o deporte popular, e ás actividades físicas que o ano pasado organizaron actividades durante as festas no parque de Rosalía de Castro ou festivais como Zumbanocoiro ou Festival de Noso no escenario do Campo Castelo. Bao advertiu a desaparción, tamén, do festival de maxía posto en marcha o ano pasado no aparcadoiro do edificio do antigo seminario e que tivo un considerable éxito.