OLALLA RODIL CRITICA A ESCASEZA DE PERSOAL PARA GARANTIR O ACCESO DAS PERSOAS AOS RECURSOS E A SERVIZOS TAN BÁSICOS COMO UNHA TARXETA DE APARCAMENTO
O BNG denuncia a falta de diálogo e de recursos no novo Plan de Dependencia e Discapacidade da Xunta de Rueda

Olalla Rodil critica a escaseza de persoal para garantir o acceso das persoas aos recursos e a servizos tan básicos como unha tarxeta de aparcamento
"Parece que único obxectivo do PP é saír dando cifras de expedientes tramitados pero sen acadar obxectivos nin garantir os dereitos das persoas"
Santiago de Compostela, 6 de marzo de 2025. A portavoz de Política Social do BNG Olalla Rodil, denunciou a falta de diálogo e de recursos no novo Plan de Dependencia e discapacidade aprobado pola Xunta, que inclúe reformas normativas introducidas coa lei de Acompañamento aos Orzamentos de xeito unilateral e sen diálogo previo nin consulta aos profesionais do sector ou "sen dignarse a reunirse" cos representantes do Consello Galego de Benestar. Criticou así mesmo a escaseza de persoal para garantir o acceso das persoas aos recursos e a un servizo tan básico como a tarxeta de aparcamento.
"Parece que único obxectivo do PP é saír dando cifras de expedientes tramitados pero sen acadar obxectivos nin garantir os dereitos das persoas", expresou Rodil, que, na súa intervención na Comisińo 5ª recriminou ao PP que estas reformas fosen introducidas sen acompañalas de recursos e sen formación adecuada para o persoal que traballa nas equipas de valoración e orientación. Ademais, segundo apuntou, as traballadoras sociais que están ao fronte dos servizos sociocomunitarios municipais non foron informadas de maneira adecuada, ao recibir a súa primeira comunicación o 2 de xaneiro a través do aplicativo web MATIASS, cando a nova normativa estaba xa en vigor.
Entre as principais mudanzas, o novo Plan de Dependencia, cuxo orzamento segundo o Goberno galego é de 90 millóns de euros, inclúe a unificación da solicitude de discapacidade e dependencia, o que supón a necesidade de crear aplicativos diferentes e a fixación de novos procedementos de tramitación. Tamén se suprime o informe social preceptivo e introdúcense novos baremos e a valoración por informes para as solicitudes a partir de xaneiro de 2025.
Desburocratizar para empeorar a calidade do servizo
A Xunta xustifica estas reformas como un proceso de simplificación e axilización dos trámites, co obxectivo de cumprir os tempos de tramitación establecidos pola lei desde o ano 2006, algo que -aclarou Rodil-, "non é unha novidade, é unha obriga para a administración", recordándolle ao PP que en Galiza morreron entre 2017 e 2023, 6.500 persoas esperando, máis de 5.000 delas, por un servizo que tiñan recoñecido por lei".
Olalla Rodil amosou a súa preocupación diante da directora xeral técnica de Política Social, María Francisca Gómez Santos, pola posibilidade de que "o que o PP chama "desburocratización do procedemento" acabe "empeorando a calidade das valoracións".
Ademais, criticou que a Xunta non contratou persoal adicional nos equipos de valoración de dependencia nin de discapacidade. En cambio, o Goberno de Rueda propuxo "incentivos á produtividade" para que os traballadores aumenten o volume de expedientes tramitados. "Non se trata só de tramitar as solicitudes, tamén de acceder aos recursos e servizos", replicou.
Neste senso, indicou que as cifras presentadas polo Goberno estes días, que falan de 6.000 novas resolucións, están baseadas en homologacións automáticas e non inclúen a valoración de mobilidade para a obtención da tarxeta azul, un dereito básico para as persoas con discapacidade. Isto leva a que moitas persoas se vexan obrigadas a presentar reclamacións para poder acceder a servizos que, en teoría, xa lles corresponden." Por que non se tramita conxuntamente, por que non escoitan nin falan con ninguén?" preguntou, para recriminar a continuación que o PP pasa "coma unha apisonadora coa súa propaganda, e a xente no medio".
Olalla Rodil lembrou que este non é un problema novo. En 2021, o daquela presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, anunciou un Plan de choque en dependencia para "axilizar o sistema e reducir os tempos de espera nas valoracións". Pola contra, os tempos de tramitación "non fixeron máis que aumentar" entre 2021 e 2024, pasando de 372 días en 2021 a 387 días en 2024, advertiu.
O modelo do BNG
Para Olalla Rodil, a solución pasa por "crear unha rede pública de coidados que garanta, a través dunha rede de servizos públicos, o benestar e a atención que necesitan as persoas con dependencia ou discapacidade, e non polo modelo do PP da prestación de 416 euros ao mes ás persoas que coiden de familiares, independentemente do seu grao de dependencia. Un modelo que, para a deputada nacionalista, "privatiza, individualiza e precariza" e que, tal e como di a Lei de Dependencia desde hai 18 anos, debería ter "carácter excepcional".
Rodil rematou a súa exposición lamentando que, dos 90 millóns de euros deste novo Plan de Dependencia e Discapacidade, "o único gasto extra para a Xunta sexa esta política de bonos que vai en contra do espírito da propia Lei de Dependencia e do que debe ser un estado de benestar".