OLALLA RODIL CRITICOU A “FALTA DE PREVISIÓN E ANTICIPACIÓN DO GOBERNO GALEGO”
O BNG esixe a intervención da residencia DomusVI de Outeiro de Rei “para garantir os dereitos sanitarios das residentes”
“Non se poden repetir casos como o da residencia de Outeiro de Rei e a San Rosendo do Incio nin en Lugo nin en ningunha outra comarca do País”, afirmou Olalla Rodil
Lugo, 08 de setembro de 2020. A parlamentaria do BNG, Olalla Rodil, esixiu ao goberno da Xunta de Galiza a intervención inmediata da residencia de maiores DomusVI de Outeiro de Rei ante os datos de infección por coronavirus confirmados. “É inadmisíbel que, vendo que na primeira onda da pandemia as residencias foron o principal foco de contaxio, a situación siga sen cambios no mes de setembro”, afirmou Olalla Rodil en alusión ao número de casos confirmados na residencia, que ascenden xa a 253.
A parlamentaria do BNG criticou a falta de previsión e anticipación do Goberno galego ante a crise sanitaria, especialmente no caso das residencias privadas. Segundo Olalla Rodil, “a situación actual non permite improvisación, a Xunta de Galiza debe anticiparse e intervir de maneira preventiva todas as residencias privadas para garantir os dereitos asistenciais e sanitarios das persoas residentes”.
“O caso de Outeiro de Rei é o mesmo que vimos na residencia San Rosendo do Incio e que, vimos durante a primeira onda do virus en máis residencias do país”, afirmou Olalla Rodil, que engadiu “o Goberno galego ten que actuar xa para que esta situación non se repita nin en Lugo nin en ningunha outra comarca do país”.