O BNG impulsa unha declaración institucional en defensa do pobo de Palestina
Rubén Arroxo: “é precisa unha mudanza de actitude ante as agresións contra as e os palestinos”
O BNG proporá que a comunidade internacional inste a Israel a cumprir as resolucións da ONU e respectar os dereitos das palestinas e palestinos
Lugo, 18 de maio de 2021. O Portavoz Municipal do BNG no Concello de Lugo, Rubén Arroxo, anunciou que desde a formación nacionalista se impulsará de cara ao vindeiro pleno unha declaración institucional en defensa do pobo de Palestina. Rubén Arroxo explicou que “nesta iniciativa reclamamos á comunidade internacional que esixa a Israel que cumpra coas resolucións da ONU e respecte os dereitos das palestinas e palestinos”.
Rubén Arroxo explicou que “o Parlamento Galego vén de aprobar unha declaración institucional de xeito unánime apoiando os dereitos do pobo Palestino”. “É preciso despregar todas as medidas posíbeis para garantir a paz e o respecto das resolucións internacionais”, afirmou Rubén Arroxo.
O BNG defende que o conxunto da comunidade internacional deben actuar de forma contundente e condenar sen paliativos a agresión israelí, a última das violacións sistemáticas por parte de Israel dos dereitos humanos e do dereito da poboación palestina a vivir en Paz e en seguranza no seu País, nun Estado Palestino independente e soberano.