NUNHA ENTREVISTA, O VOCEIRO DO BNG, AFIRMA QUE “O BNG É UN CLARO EMPUXE NO DESEÑO E DESENVOLVEMENTO DO LUGO DO FUTURO”
O BNG lanza un boletín para presentar o seu traballo e propostas no concello de Lugo
“Queremos presentar cal é o proxecto de cidade que o BNG ten para Lugo, cales foron as nosas iniciativas e o que queremos para o futuro” dixo Rubén Arroxo
Lugo, 11 de novembro de 2017. O grupo municipal do BNG editou un boletín informativo para distribuír entre toda a veciñanza do concello de Lugo. “Queremos presentar cal é o proxecto de cidade que o BNG ten para Lugo, cales foron as nosas iniciativas e o que queremos para o futuro” dixo Rubén Arroxo. Ademais de dar conta do traballo feito, como grupo da corporación, no concello de Lugo o BNG quere “achegar a todas as persoas que votaron ao BNG e, tamén ás que non, o proxecto de cidade que ten o BNG”. Os nacionalistas aproveitaron unha visita da portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, a Lugo para presentar este boletín do que se imprimiro preto de 50.000 exemplares.
Na publicación feita polo BNG de Lugo faise especial énfase no modelo de mobilidade que propón o BNG para a cidade de Lugo e na necesidade de abordar un novo xeito de integrar as políticas de mobilidade no deseño do Lugo do presente e do futuro. “Poñemos como exemplo a transformación que o BNG fixo dunha cidade como Pontevedra por que esa é a aposta do BNG, facer as cidades para as persoas” asegurou Arroxo.
O BNG tamén informa, neste boletín que se distribuirá a través do correo, das propostas para a mocidade que pasan, entre outras, pola apertura das pistas deportivas dos centros de ensino, a creación dunha escola municipal de teatro ou a creación de novos locais de ensaio para actividades artísticas. En relación á apertura da cidade cara o río Miño, faise un relatorio cronolóxico sobre as tramitacións para a creación da zona pública de baño que segue sen executarse dende o ano 2009.
Tamén se adica un apartado especial ás demandas dos lucenses e ás propostas do BNG en temas como: O ARRU da Milagrosa, a Tinería, o tráfico en Fontiñas, os servizos para o rural, o medioambiente, as políticas culturais, o ensino e as demandas de oferta educativa. Ademais tamén se fai fincapé na campaña impulsada polo BNG para que Lugo conte cun xulgado específico de violencia de xénero e sobre a campaña relativa a aplicación da Lei de Memoria Histórica no noso termo municipal.
O BNG, a única forza de esquerda con proxecto para Lugo
O boletín péchase cunha entrevista ao voceiro municipal do BNG, Rubén Arroxo que afirmou “o BNG é a única forza de esquerda con proxecto para a cidade” e engadiu “seguiremos traballando ata as elección municipais como viñemos facendo durante todo este mandato, para mellorar a vida das persoas que viven en Lugo, cunha óptica de esquerdas que nos faga máis iguais e coas mesmas posibilidades”.