OLALLA RODIL: "ESTA NON É UNHA SITUACIÓN PUNTUAL NIN INEVITABLE, É UNHA DECISIÓN POLÍTICA DO GOBERNO DO PP, QUE SE NEGA A REFORZAR OS EQUIPOS DE ATENCIÓN PRIMARIA NO INTERIOR"

O BNG leva ao Parlamento a responsabilidade da Consellería de Sanidade polo colapso da pediatría e da atención primaria na área de Sarria

¡
¡
Olalla Rodil: "Esta non é unha situación puntual nin inevitable, é unha decisión política do goberno do PP, que se nega a reforzar os equipos de atención primaria no interior"
 
O BNG leva ao Parlamento a responsabilidade da Consellería de Sanidade polo colapso da pediatría e da atención primaria na área de Sarria

 


Sarria, 12 de decembro de 2025 .– O Bloque Nacionalista Galego vén de rexistrar, a través da deputada Olalla Rodil, iniciativas no Parlamento galego para denunciar a situación crítica da atención sanitaria na área de Sarria, consecuencia directa da inacción e da mala planificación da Consellería de Sanidade, que está a deixar sen atención adecuada a centos de familias.

 

Olalla Rodil visitou hoxe Sarria na compaña do portavoz municipal do BNG Efrén Castro e da concelleira nacionalista Mónica López para coñecer de primeira man a situación que se esta a vivir na localidade co desmantelamento da atención primaria.

A deputada do BNG, Olalla, advertiu de que "son moitas as familias que quedan cun servizo descuberto. Se xa era insuficiente a atención pediátrica en Sarria, con só dúas pediatras asignadas no centro de saúde, a Xunta permite agora que exista unha vacante sen cubrir, agravando unha situación xa límite".

Segundo explicou, na actualidade falta como mínimo unha pediatra, e a profesional que queda vese obrigada a asumir tamén a cobertura da pediatra que se xubila e a atención doutros concellos como Láncara (A Pobra), unha sobrecarga imposta pola Consellería de Sanidade que fai imposible garantir unha atención digna e continuada. "Esta non é unha situación puntual nin inevitable, é unha decisión política do goberno do PP, que se nega a reforzar os equipos de atención primaria no interior", subliñou.

Olalla denunciou tamén que faltan cando menos tres médicos de familia e que, lonxe de planificar substitucións, a Consellería permite que se xubilen outros tres profesionais sen garantir a súa cobertura, deixando nunha situación crítica concellos como Samos, O Incio e Triacastela. "A Consellería de Sanidade é plenamente responsable dun desmantelamento progresivo da sanidade pública nesta comarca", afirmou.

Desde o BNG reclaman que o servizo de pediatría en Sarria estea completo de maneira inmediata, con prazas cubertas e persoal suficiente. "Non podemos quedar quietas mentres a Xunta mira para outro lado. Precisamos ser escoitadas, visualizadas e atendidas xa", indicou a deputada.

 

O portavoz municipal Efrén Castro manifestou" dende o BNG de Sarria levamos moito tempo denunciando o desmantelamento da atención primaria no noso concello, as políticas do PP están a levar a sanidade pública ao colapso." rematou " dende o BNG imos seguir loitando por defender unha sanidade pública e de calidade alí onde sexa necesario".

 


"Nós témolo claro: queremos pediatra, precisamos pediatra e temos dereito a pediatra", concluíu Olalla, lembrando que a Consellería de Sanidade ten a obriga de garantir unha sanidade pública accesible e de calidade. A deputada nacionalista animou á veciñanza a presentar queixas escritas e oficiais no centro de saúde, como paso imprescindible para facer visible unha situación insostible e esixir responsabilidades ao goberno galego.

O BNG leva ao Parlamento a responsabilidade da Consellería de Sanidade polo colapso da pediatría e da atención primaria na área de Sarria