A VISTA CONTRA @S COMPAÑEIR@S MIGUEL, LOLA E LOIS, CELEBRARASE O VINDEIRO 20 DE XANEIRO NO XULGADO DE INSTRUCIÓN NÚMERO 1 DE LUGO
O BNG manifesta o seu apoio ás tres persoas denunciadas pola súa defensa do río no Miño
O BNG como parte integrante da Plataforma Lugo de cara ao Miño faise corresponsable e convida a mobilización de apoio ás 3 persoas denunciadas pola empresa INCA
Lugo, 14 de xaneiro 2017. O BNG manifesta o seu apoio ás 3 persoas denunciadas pola súa defensa do río Miño e convoca a toda a cidadanía de Lugo a unha concentración diante dos Xulgados de Lugo o vindeiro 20 de xaneiro ás 12.15 horas, en apoio a Lola, Lois e Miguel. Nesa data celebrarase a vista tras a denuncia da empresa INCA, adxudicataria da explotación hidroeléctrica da Fábrica da Luz, por suposto delicto leve de coacción. O BNG como parte integrante da Plataforma Lugo de cara ao Miño faise corresponsable e convida a mobilización de apoio ás 3 persoas denunciadas pola empresa INCA.
Segundo a denuncia presentada por esta empresa, estes tres veciños coaccionaron aos traballadores das obras do dique ilegal durante unha concentración de persoas espontánea que tivo lugar o pasado 15 de decembro de 2015 a pé de río, alertadas polo reinicio das obras da ataguía ilegal e que a Confederación Hidrográfica Miño-Sil tiña paralizadas. O BNG solidarízase coas persoas denunciadas e considérase como organización directamente afectada, facendo propias as consecuencias da demanda, xa que calquera dos seus integrantes ou calquera cidadán de Lugo podería estar no lugar de Lois, Lola e Miguel.