OLALLA RODIL, DANIEL CASTRO E CARME AIRA, DEPUTADAS DO BNG NO PARLAMENTO GALEGO, MANTIVERON UNHA XUNTANZA CON REPRESENTANTES DO SECTOR
O BNG no Parlamento Galego apoia ao sector da limpeza na reclamación dun convenio digno
Olalla Rodil, Daniel Castro e Carme Aira, deputadas do BNG no Parlamento Galego, mantiveron unha xuntanza con representantes do sector
Olalla Rodil: "Dende o BNG imos levar ao Parlamento Galego a voz das traballadoras do sector da limpeza, a Xunta de Galiza ten que intervir para poñer fin a este conflito"
Lugo, 18 de novembro de 2023. O BNG trasladou o seu apoio ás traballadoras do sector da limpeza,na súa reivindicación dun convenio digno. As deputadas nacionalistas mantiveron unha xuntanza con representantes da CIG, CCOO e UXT do sector, onde coñeceron de primeira man o estado das negociacións e as reclamacións das traballadoras. Olalla Rodil afirmou que "E inadmisible que a Xunta de Galiza se poña de perfil nun conflito como o do sector da limpeza".
O sector da limpeza está a reclamar, ademais da mellora salarial, unha serie de melloras sociais e laborais como a actualización de salario base que agora esta por baixo do salario mínimo interprofesional e que os trienios non sexan un complemento fixo. Estamos a falar dun sector fortemente feminizado xa que o 95% do seu persoal son mulleres e onde existe un alto nivel de precariedade "A Xunta de Galiza non pode permitir que a proposta que esta encima da mesa, por parte da patronal, sexa de salarios por debaixo do salario mínimo interprofesional, nun sector xa moi precarizado e amplamente feminizado", declarou Olalla Rodil.
"A patronal ten que responder á mobilización masiva das traballadoras que levan en folga dende o 16 de outubro ", explicou a deputada do BNG, que se comprometeu a presentar unha serie de iniciativas no parlamento galego pois a Xunta de Galiza, non pode ser indiferente perante ningún conflito" e por iso dende o BNG sempre defendemos unha contratación pública na que se garantan unhas condicións sociais e laborais dignas "nuns pregos de licitacións millonarios que as empresas usan para precarizar cada vez este sector" concluíu Olalla Rodil.