O BNG participa nas mobilizacións da veciñanza de Nadela polas emisións contaminantes de Tableros Hispanos
A Asociación de Veciños do Vilar afirma que a contaminación do aire produce graves molestias na saúde
O BNG recolle as reclamacións da Asociación de Veciños do Vilar, que reclaman a instalación dunha estación de control da calidade do aire e a medición diaria das partículas contaminantes
Lugo, 25 de marzo de 2023. O Portavoz do BNG de Lugo e concelleiras e concelleiros do BNG asistiron á concentración convocada pola veciñanza de Nadela diante das instalacións de Tableros Hispanos en San Xoán da Pena. Rubén Arroxo afirmou que “desde o BNG mantivemos xuntanzas coa Asociación de Veciños do Vilar, residentes a menos dun quilómetro da fábrica, que desde hai anos veñen denunciando os altos niveis de ruídos e as emisións de fumes que padecen nas súas vivendas”.
A asociación veciñal afirma que a contaminación do aire producida polas emisións de Tableros Hispanos estalles a producir graves molestias de saúde, entre as que se atopan inflamacións nos ollos e nas vías respiratorias. Desde o BNG recóllense as reclamacións da Asociación de Veciños do Vilar cara a Xunta de Galiza, reclamando a instalación dunha estación de control da calidade do aire, e a medición diaria das partículas PM10 e PM2,5 por parte da propia administración.
“É preciso que a empresa cumpra coas medidas de control marcadas pola normativa ambiental e que o Goberno Galego garanta o benestar da veciñanza”, afirmou Arroxo, que anunciou que o BNG rexistrará iniciativas no Parlamento de Galiza “para que o Goberno de Galiza informe á veciñanza dos avances feitos no control das emisións desta instalación”.