OLALLA RODIL “A CONCENTRACIÓN DE HOXE É UNHA CHAMADA DE ATENCIÓN CLARA: CERVANTES PRECISA MÉDICOS E MÉDICAS XA, NON PARCHES NIN SOLUCIÓNS TEMPORAIS”
O BNG participou hoxe na concentración diante do centro de saúde de San Roman para denunciar a falta de persoal médico en Cervantes
Olalla Rodil “A concentración de hoxe é unha chamada de atención clara: Cervantes precisa médicos e médicas xa, non parches nin solucións temporais”
Cervantes, 5 de febreiro de 2026.- OA deputada do BNG no Parlamento Galego, Olalla Rodil, participou hoxe nunha concentración, acompañando á veciñanza, que tivo lugar en San Román para denunciar a grave situación sanitaria que sofre o concello de Cervantes e así reclamar a cobertura inmediata das prazas médicas vacantes.
Recentemente, as veciñas e veciños de Cervantes tiveron coñecemento de que unha das dúas prazas médicas do centro de saúde de San Román quedou vacante, sen que a Consellaría de Sanidade manifestase a súa intención de cubrila. Pola contra, toda a información apunta a que o servizo se prestará unicamente de maneira eventual, o que supón un novo recorte na atención sanitaria básica.
Esta situación vese agravada polo feito de que a vacante existente no consultorio de Doiras desde o ano 2024 continúa sen cubrir, malia os reiterados anuncios e promesas da Xunta de Galiza. Deste xeito, Cervantes pasou de contar con tres prazas médicas cubertas a ter só unha activa e dúas vacantes.
Nesta concentración á veciñanza decidiu seguir fancendo concentracións ata que a Xunta de Galiza repoña a asistencia sanitaria neste concello.
A deputada do BNG, Olalla Rodil, advertiu da gravidade desta situación: “Estamos a falar dun concello moi envellecido e cunha poboación moi dispersa, no que os tempos de desprazamento até Sa Román son longos e complexos. Reducir a atención médica a un servizo eventual é unha irresponsabilidade que pon en risco a saúde da veciñanza”.
Rodil sinalou ademais que o escenario pode empeorar aínda máis no caso de que a profesional que actualmente ocupa a única praza cuberta decida xubilarse, o que deixaría ao concello practicamente sen atención médica estable. “A concentración de hoxe é unha chamada de atención clara: Cervantes precisa médicos e médicas xa, non parches nin solucións temporais”,explicou a deputada nacionalista.
“É o momento de alzar a voz e denunciar o que o PP dende a Conselleira de Sanidade esta a facer con un dos nosos dereitos básicos como é a saúde e hora de dicir basta aos recortes” concluíu