VALCÁRCEL DESTACOU QUE O BNG SEGUIRÁ A COLABORAR "PARA TRASLADAR AO PARLAMENTO AS RECLAMACIÓNS DOS COELCTIVOS SOCIAIS DE LUGO"
Rubén Arroxo e Montse Valcárcel manteñen un encontro co novo decano do Colexio da Avogacía de Lugo
Acompañados polo deputado Iago Tabarés, parabenizaron a Xosé Manuel Fernández Varela polo seu nomeamento
Valcárcel destacou que o BNG seguirá a colaborar "para trasladar ao Parlamento as reclamacións dos coelctivos sociais de Lugo"
Valcárcel destacou que o BNG seguirá a colaborar "para trasladar ao Parlamento as reclamacións dos coelctivos sociais de Lugo"
11 feb. 2026 - 11:07
Lugo, 03 de febreiro de 2026. A deputada do BNG no Parlamento Galego Montse Valcárcel, acompañada polo portavoz e Tenente Alcalde do Concello de Lugo, Rubén Arroxo, e polo tamén deputado do BNG Iago Tabarés, mantiveron unha xuntanza co novo decano do Colexio da Avogacía de Lugo, Xosé Manuel Fernández Varela. Os representantes do BNG parabenizárono pola súa escolla para a máxima representación das e dos avogados de Lugo nos vindeiros anos, e destacaron a colaboración do BNG para "trasladar ás institucións as problemáticas e reclamacións dos distintos colectivos sociais de Lugo".
Valcárcel trasladou a proposta do BNG para aumentar o orzamento destinado á xustiza gratuíta, garantindo retribucións xustas aos seus profesionais dado que, segundo estimacións, os colexios de avogados perden cada ano máis de 160.000 euros pola prestación da quenda de oficio. Ademais do incremento orzamentario, entre as propostas do BNG figura tamén a negociación dun novo baremo que garanta unhas retribucións xustas.
Xosé Manuel Fernández Varela, (Friol 1962), é licenciado en Dereito e diplomado en avogacía pola Universidade de Santiago de Compostela (USC). De 1988 a 1995, dirixiu o departamento xurídico do Sindicato Labrego Galego e foi membro fundador de Xustiza e Sociedade de Galiza. Tamén foi membro da súa Secretaría e da Irmandade Xurídica Galega, e recibiu o Premio Pedro González do Consello da Avogacía Galega. Fundou o seu actual bufete, Foro Avogados, en 1989, onde coordina os departamentos de Dereito Civil, Mercantil e Administrativo.