A PARLAMENTARIA OLALLA RODIL E O VOCEIRO DO BNG NO CONCELLO DE LUGO MANTIVERON UNHA XUNTANZA CON REPRESENTANTES DA CIG NO XULGADOS LUCENSES
O BNG pedirá, unha vez máis, a creación dun novo xulgado do Social para Lugo
“A creación do cuarto xulgado beneficiaría aos traballadores que agardan sentencias e melloraría as condicións laborais das persoas que traballan nos xulgados” dixo Rodil
Lugo, 15 de setembro de 2017. O BNG, a través da súa parlamentaria Olalla Rodil, insistiu na necesidade de crear un novo xulgado do social para Lugo. Rodil lembrou que “a Deputación, o concello e o Parlamento Galego xa teñen aprobado iniciativas neste sentido, mais aínda non se deu unha solución definitiva a esta carencia que perxudica a moitas traballadoras e traballadores que están agardando unha sentencia xudicial”. Rodil sinalou que nas iniciativas presentadas polo BNG propoñíase ás diferentes institucións instar á Consellería e Ministerio de Xustiza así como ao Consello Xeral do Poder Xudicial a creación dun cuarto xulgado do social para Lugo.
“Segundo os ratios que manexa a administración de xustiza Lugo tería que contar con catro xulgados do social para atender o crecente número de asuntos que se dirimen por esta vía” informou a parlamentaria nacionalista que hoxe mantivo unha xuntanza, xunto co voceiro do BNG no concello de Lugo, con representantes sindicais da CIG dos xulgados de Lugo. Rodil sinalou que “o que se fixo incrementando a xornada laboral de 6 persoas é un parche que non funciona” e engadiu “vai haber máis traballo para uns poucos funcionarios pero non vai haber adianto significativo nas datas dos xuizos e por tanto non se resolve a situación”.
Os xulgados do social aténdense reclamacións laborais como despidos e tamén as demandas a SS, como por exemplo as incapacidades. Segundo o Consello xeral do Poder Xudicial, o módulo de asuntos de entrada para a xurisdición social está en 850 asuntos. No caso dos xulgados do social de Lugo xa chegou aos 940, número moi superior ao de Ferrol, Ourense e Pontevedra, que non chega ou están próximos a esa cantidade fixada polo CXPX. No caso de Santiago ou Vigo, que teñen cifras un pouco superiores, son compasados con reforzos neses xulgados do social.
A propia Xunta colapsa o xulgado
Moitos dos casos que se tramitan no xulgado do social veñen moitivados por que é a propia Xunta quen colapsa o Xulgado por que non acata o sentido das sentencias que se dictan contra a propia administración reincidindo nos incumprimentos que xa recibiron sentencias desfavorables. Hai convocatorias de contratacións laborais periódicas da Xunta que recollen cuestións que xa foron froito de sentencias condenatorias e isto obriga a traballadores e traballadoras a volver a presentar novas denuncias que incrementan considerablemente a carga de asuntos nestes xulgados.