O BNG PIDE A POSTA EN MARCHA DO SISTEMA DE REUTILIZACIÓN DE AUGA

O BNG PIDE A POSTA EN MARCHA DO SISTEMA DE REUTILIZACIÓN DE AUGA

LUGO_03Os nacionalistas queren saber se o concello está eliminando a contaminación microbiolóxica das augas residuais

Un sistema que se anunciou como “pioneiro no noroeste peninsular ” e que entraría a funcionar no ano 2010

Lugo, a 22 de febreiro de 2014. A voceira do BNG, Paz Abraira,  dirixiuse ao goberno municipal para saber Cando está prevista a posta en funcionamento do sistema de reutilización de augas para rego e limpeza de rúas. Lugo conta cunha das instalacións máis modernas para a depuración de augas residuais. Abraira explicou que en Lugo “fíxose un elevado investimento no sistema de tratamento de augas residuais e compre que todos os cartos invertidos teñan retornos sociais”.

No ano 2009 o goberno municipal anunciou a posta en marcha dun sistema que permitiría a reutilización do 20 % do volume de augas residuais xeneradas. Naquel momento o concelleiro de medio ambiente anunciou que o sistema “sería pioneiro no noroeste peninsular”, entraría en marcha no ano 2010 e permitiría a recuperación duns 200.000 metros cúbicos de auga.

Para a reutilización das augas residuais é fundamental o correcto tratamento das augas residuais é a eliminación da contaminación microbiolóxica por augas fecais, a través dun tratamento con lámparas ultravioleta que se denomina sistema terciario. Os nacionalistas dirixiron preguntas dirixidas a saber se a EDAR de Lugo conta cun sistema de tratamento terciario que permita a total eliminación das augas da contaminación microbiolóxica producida polas augas fecais e se este sistema de lámparas ultravioleta se está utilizando de xeito continuado.

Optimizar os recursos

Para o BNG é necesario que se traten de optimizar todos os recursos cos que conta o concello para mellorar o aforro. “Se somos capaces de aforrar 200.000 metros cúbicos de auga potable estariamos a falar, tendo en conta o prezo estimado da auga, dun aforro superior aos 200.000 € anuais” afirmou Paz Abraira e engadiu que “non é normal que sigamos usando auga potabilizada para o baldeo das rúas e para o rego das zonas verdes tendo en conta o alto custe que ten para os lucenses o sistema de potabilización de augas”

O BNG PIDE A POSTA EN MARCHA DO SISTEMA DE REUTILIZACIÓN DE AUGA