COSME POMBO PREGUNTOU NO PARLAMENTO POLO ENLACE DA PONTE DE PARADAI COA ROTONDA DE CARLOS AZCÁRRAGA

COSME POMBO PREGUNTOU NO PARLAMENTO POLO ENLACE DA PONTE DE PARADAI COA ROTONDA DE CARLOS AZCÁRRAGA

“Non son de recibo nin os retrasos nin as confusións interesadas sobre estas obras” dixo o parlamentario do BNG por LugoPomboParadai

Lugo, 27 de febreiro de 2014. O parlamentario do BNG, Cosme Pombo, presentou unha serie de preguntas dirixidas á Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas sobre o plan de execución das obras pendentes do Plan Paradai. Pombo preguntou, directamente, se a consellería acometerá, con estas obras, o entronque da nova Ponte de Paradai coa Glorieta de Carlos Azcárraga. Para o BNG, e despois da xuntanza da comisión de seguimento do Plan Paradai, non está nada claro que a Xunta teña previsto acometer esta parte fundamental das obras.

Cosme Pombo lembrou que neste mes de febreiro, a consellería anunciou que “as obras da Ponte Paradai estarán finalizadas este mesmo ano” e que o proxecto contempla a construción dunha ponte nova sobre o ferrocarril e a conexión coa estrada das Gándaras (glorieta Serra de Meira). Mais, engadiu Cosme Pombo, “nada se di sobre o entronque desta ponte coa rotonda que une Carlos Azcárraga coa actual ponte sobre a vía do ferrocarril”.

A consellería de retomou as obras da Ponte de Paradai (Lugo) no mes de outubro, despois dunha importante demora das mesmas, pero os traballos pouco duraron, a maquinaria foi retirada da zona e a veciñanza afectada manifestou a súa indignación diante da confusión creada e ante o continuado retraso das obras. Cosme Pombo afirmou que “a indignación foi xerada polas continuas liortas entre Xunta e Concello que impiden a execución dunhas obras polas que se levan moitos anos agardando”.

Os nacionalistas preguntaron, tamén, se o Goberno galego dispón dalgún estudo, plan ou proposta que contemple a execución do Plan Paradai na súa totalidade e cal é o cronograma que manexa a Xunta de Galiza para a execución total das obras da Ponte de Paradai. Pombo sinalou que “consideramos que non son de recibo nin os retrasos nin as confusións interesadas sobre estas obras” e engadiu que “o BNG comparte a indignación do vecindario que se senten burlados por un goberno que debería ter estas obras xa rematadas”.

COSME POMBO PREGUNTOU NO PARLAMENTO POLO ENLACE DA PONTE DE PARADAI COA ROTONDA DE CARLOS AZCÁRRAGA