ARROXO: "A VECIÑANZA DAS ZONAS AFECTADAS RECOLLEU TAMÉN CENTOS DE ALEGACIÓNS A ESTE PROXECTO, ISTO DEMOSTRA QUE HAI UN IMPORTANTE REXEITAMENTO A UNHA INDUSTRIA QUE PRODUCIRÁ UN GRAN IMPACTO NEGATIVO EN LUGO"
O BNG presenta alegacións ao proxecto da planta de biometano que afectará á cidade de Lugo
O portavoz do BNG no Concello de Lugo, Rubén Arroxo, acompañado pola deputada no Parlamento Galego, Montserrat Valcárcel, participou nunha mesa informativa colocada polo BNG na praza de Augas Férreas
Arroxo: "A veciñanza das zonas afectadas recolleu tamén centos de alegacións a este proxecto, isto demostra que hai un importante rexeitamento a unha industria que producirá un gran impacto negativo en Lugo"
Lugo, 08 de xullo de 2024. O portavoz do BNG e Tenente Alcalde do Concello de Lugo, Rubén Arroxo, acompañado por Montserrat Valcárcel, deputada do BNG no Parlamento Galego, participaron na mesa informativa que colocou o BNG para facilitar á veciñanza de Lugo a presentación de alegacións ante o proxecto de construcción dunha fábrica de Metano na contorna de Coeses, que actualmente se atopa en exposición pública e en prazo de alegacións. Arroxo explicou que "desde a publicación do proxecto apoiamos ás veciñas e veciños das zonas afectadas e colaboramos coas distintas accións que levaron adiante".
"Estamos ante un proxecto que producirá ruídos, cheiros e que pode ter influencia na calidade da auga da zona", afirmou Arroxo, que engadiu "seguimos traballando para que as veciñas e veciños poidan amosar o seu rexeitamento a esta plana". Na xornada de hoxe recolléronse máis dun cento de alegacións por parte do BNG, "que se suman aos varios centos que presentaron as veciñas e veciños e ás presentadas polas e polos lucenses", explicou Arroxo
O BNG reclama, xunto coa veciñanza da zona, que se valore unha ubicación alternativa "que non afecte a ningún núcleo de poboación". A Xunta de Galiza declarou o proxecto como iniciativa empresarial prioritaria, o que conleva a simplificación de trámites administrativos, "mais o que debe ser prioritario é garantir que as veciñas e veciños da contorna non vexan mermada a súa calidade de vida por esta planta", afirmou Rubén Arroxo. O BNG trasladou tanto ao Parlamento Galego como ás distintas institucións onde ten representación a problemática e as reclamación trasladadas polas veciñas e veciños.