O BNG presentará iniciativas no Parlamento para coñecer a situación do HULA despois dos colapsos das urxencias acontecidos nos últimos días
Olalla Rodil: “isto mostra a situación precaria da sanidade pública galega, moitas persoas non teñen acceso a atención médica no seu centro de saúde ou PAC, o que colapsa o servizo de urxencias dos hospitais"
A parlamentaria do BNG criticou que o HULA teña espazos pechados “mentres se fai esperar ás doentes nun corredor”
Lugo, 18 de xaneiro de 2023. A parlamentaria do BNG, Olalla Rodil, anunciou que o BNG presentará iniciativas no Parlamento Galego para preguntar á Consellería de Sanidade polo colapso das urxencias do HULA acontecido onte. Rodil explicou que “onte o hospital non contaba con camas dispoñibles para realizar ingresos, o que fixo que as persoas tiveran que agardar nos corredores do servizo de urxencias”.
A parlamentaria do BNG considera inaceptable “que o HULA teña espazos e camas sen utilizar mentres que as persoas teñen que agardar nun corredor”, e afirmou que “isto mostra a situación precaria da sanidade pública galega, especialmente nos servizos de urxencias”.
“É esencial blindar a sanidade, rescatar o sistema público de saúde de Galiza despois de anos de recorte do Partido Popular”, declarou a deputada do BNG, que vinculou o colapso dos servizos de urxencias coa situación precaria da atención primaria e da rede de Puntos de Atención Continuada. “Moita xente non ten acceso a unha atención médica de calidade no centro de saúde ou no PAC do seu concello, o que fai que as persoas teñan que asistir ás urxencias hospitalarias para seren atendidas”, afirmou.