O BNG propón elaborar de Plans de Ordenación para controlar a proliferación desmesurada do eucalipto
Os nacionalistas levarán, aos concellos, iniciativas para evitar que Galiza siga perdendo superficie agraria útil en beneficio das especies forestais de crecemento rápido
O obxectivo do BNG é, tamén, protexer os bosques autóctonos e impulsar aproveitamentos multifuncionais e sustentábeis dos montes
Lugo, 15 de xullo 2016. O BNG - AA levará aos concellos inciativas plenarias para instar ao Goberno galego a elaborar e aprobar os Plans de Ordenación de Recursos Forestais como instrumentos básicos de planificación forestal no territorio. Unha planificación que debe ter en conta a multifuncionalidade dos montes e cuxa elaboración debe ser froito dun proceso participativo asegurou o responsábel comarcal do BNG en Lugo.
A posta en marcha desta proposta leva implícita a adopción das medidas necesarias para protexer os bosques autóctonos e a promoción de alternativas ao eucalipto e o impulso aos aproveitamentos multifuncionais e sustentábeis. Dende o BNG preténdese a posta en marcha dun programa de información e formación dirixido aos propietarios forestais sobre os instrumentos de ordenación reclámase da Xunta de Galiza que se ofreza o apoio técnico e económico ás comunidades de montes e ás agrupacións de propietarios para a elaboración dos instrumentos de ordenación pertinentes.
Para o BNG as políticas do partido popular no goberno da Xunta tiveron como resultado principalmente a acelerada expansión da superficie de eucalipto, que segundo os inventarios forestais duplicouse en apenas dúas décadas ao tempo que se reduciu significativamente a superficie agraria útil. Esta expansión continúa na actualidade, agora froito fundamentalmente das novas plantacións de nitens, e tamén dun xeito descontrolado sen seguir criterios mínimos de ordenación.
Un informe do Laboratorio do Territorio da USC reflicte que a superficie agraria útil reduciuse nunha cuarta parte nos últimos 30 anos, ao tempo que avanzou o monocultivo do eucalipto ao longo de todo o país. A Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galiza regula o Plan Forestal de Galiza, como instrumento de planificación básico para o deseño e a execución da política forestal galega, e os Planos de Ordenación de Recursos Forestais, onde se concretarán as directrices forestais no territorio, establecendo para iso as accións necesarias para o cumprimento dos obxectivos fixados e a zonificación por usos e vocación do territorio, determinando para cada zona as compatibilidades e as prioridades.
O concello de A Fonsagrada foi o primeiro no que se aprobou, sen votos en contra, esta iniciativa do BNG que se levará ao resto de concellos para implicar ás administracións locais e aos seus responsables no que debe ser unha mellor ordenación e conservación dos nosos montes e dos nosos espazos naturais.