MAITE FERREIRO SINALOU “CÓMPRE QUE SE TEÑA EN CONTA ESTA CUESTIÓN PARA ASEGURAR QUE O NOVO COLEXIO TEÑA COMEDOR PÚBLICO”

O BNG propón que o proxecto do novo colexio do Sagrado Corazón conte con cociña para o comedor

IMG_1072
IMG_1072

O BNG-AA levará ao pleno da corporación municipal unha iniciativa para que o proxecto prevea a cociña  e a Xunta asuma as súas competencias en relación aos comedores escolares

 

Lugo, 17 de xullo 2017. O BNG-AA levará ao vindeiro pleno do concello de Lugo unha iniciativa para reclamar que a Xunta de Galiza prevea no proxecto de novo colexio para o Sagrado Corazón da execución dunha cociña propia, co fin de evitar as problemáticas que se deron nos últimos tempos a respecto dos comedores escolares, e garantir que este novo colexio conte cun servizo de comedor de xestión directa por parte da propia Consellería “Agora que se vai comezar co proxecto do colexio é o momento de lembrar estas cuestións para facer as cousas ben e evitar os problemas futuros” afirmou a edil Maite Ferreiro, que tamén lembrou que a día de hoxe nos comedores xestionados pola Xunta págase o comedor en función da renda e nos de xestión municipal páganse 5 € indeferentemente da situación económica familiar. Ante isto o BNG levará ao pleno municipal unha proposición co fin de acadar o acordo da corporación para instar á Xunta a que teña en conta esta cuestión.

 

O BNG entende o servizo de comedores xestionado pola Xunta como unha actividade máis que deberían ter todos os centros, co fin de mellorar a conciliación familiar e evitar agravios entre os diferentes colexios. A concelleira nacionalista lembrou que “O Decreto 132/2013, do 1 de agosto regula o funcionamento dos comedores escolares nos centros docentes públicos non universitarios, dependentes da Consellería con competencia en materia de educación. Este decreto configura o comedor escolar como un recurso educativo de carácter complementario, compensatorio e social, especialmente destinado a garantir a efectividade da educación  básica obrigatoria dentro dos principios de igualdade e solidariedade”. Para o BNG o servizo de comedor escolar foi feito no seu día para dar resposta á situación de desvantaxe social e económica de moitas familias asentadas en núcleos illados e diseminados, porén, nestes intres, o  servizo de comedor escolar vai máis alá, debido aos cambios socioeconómicos e ó aumento da demanda de medidas concretas en materia de conciliación da vida familiar e laboral.

O BNG propón que o proxecto do novo colexio do Sagrado Corazón conte con cociña para o comedor
O BNG propón que o proxecto do novo colexio do Sagrado Corazón conte con cociña para o comedor