ADEMAIS DO ENCONTRO RENDEUSE HOMENAXE AO FALECIDO ENRIQUE CASANOVA, EX VOCEIRO DO BNG NO CORGO E AXENTE FORESTAL
O BNG reuniu nun xantar a máis dun cento de persoas para celebrar a Festa da Patria
A Festa da Patría enmarcase nunha serie de actos previos á celebración do 25 de xullo que se están a desenvolver en todas as comarcas do país
Lugo, 16 de xullo 2017. A xornada iniciouse na parroquia de Manán (O Corgo) cunha homenaxe ao falecido Enrique Casanova, ex voceiro do BNG no Corgo e Axente Forestal. O acto conmemorativo tivo lugar na praza que leva o seu nome dende que fora nomeado fillo adoptivo de O Corgo e despois de que falcera no ano 2015 tras sofocar un incendio forestal en Guntín. No acto interveu o actual voceiro do BNG Mario Outeiro, quen detallou a súa traxectoria e resaltou o seu traballo no propio BNG, na fundación da Asociación Arumes do Corgo e no Centro de Estudos do municipio.
Galiza, a Nación que Compartimos
A partir das 13:30 iniciáronse, no lugar da Ponte de Neira, os actos da Festa da Patria que comezou cun acto político no que interviron a Parlamentaria por Lugo, Olalla Rodil, o Parlamentario pola Coruña, Xosé Luis Rivas (Mini), o Tenente de Alcalde no concello de Sarria, Efrén Castro, e a Concelleira no Corgo, María Abuín. Despois do acto político celebrouse un xantar que reuniu a máis de un cento de persoas e durante a tarde houbo música tradicional e xogos para os máis cativos.
Na súa intervención, a Parlamentaria Olalla Rodil animou a todas as galegas e galegos a participar nos actos do Día da Patria, que este ano se celebra baixo o lema Galiza, a Nación que Compartimos. Rodil sinalou que “o BNG quere simbolizar, na festa do 25 de xullo, a aposta por un novo país, inclusivo e beneficioso para todos e todas” e engadiu “Creemos que é o momento desde o nacionalismo de propoñer un novo proxecto de país inclusivo e beneficioso para as grandes maiorías, para os que son nacionalistas e para os que non, para o conxunto da sociedade”.
Rodil afirmou “o 25 de Xullo é a festa de todos os galegos e galegas, nesta nación que compartimos e esta idea está presente no traballo político do Bloque, plasmado nas nosas propostas de país formuladas con altura de miras para concitar consensos”. Xunto con esta mensaxe de inclusión, Olalla Rodil fixo fincapé en que “o BNG ten como gran obxectivo converter a celebración do Día da Patria nunha gran mobilización social que una aos galegos e as galegas en contra da discriminación e do agravio que padece o país e en defensa dos nosos intereses”.