“QUE SE APROVEITE A OCASIÓN PARA INICIAR OS TRÁMITES PARA QUE O CASCO HISTÓRICO DA CIDADE SEXA DECLARADA PATRIMONIO DA HUMANIDADE” PEDIU ARROXO
O BNG propón o recoñecemento como BIC da fonte de San Vicente e o seu entorno
Rubén Arroxo aproveitou para lembrar a responsabilidade da Xunta de Galiza na protección de elementos patrimoniais
Lugo, 9 de outubro de 2018. O voceiro do BNG no concello de Lugo, Rubén Arroxo, manifestou a “preocupación” polo estado no que quedou a fonte de San Vicente. E sinalou a “desorganización absoluta” sobre a programación das festas de San Froilán. Arroxo dixo que “non é normal que onde se programan eventos non haxa responsables da organización das festas, nin se tomen as medidas de protección necesarias para previr graves incidentes co patrimonio ou con persoas”.
Arroxo anunciou que o BNG pedirá que “de inmediato” se comece o proceso para pedir o recoñecemento como BIC da fonte de San Vicente e do seu entorno. “Ademais das accións que ten que iniciar o concello, a Xunta tamén debe tomar cartas no asunto como responsable, que é, da protección do patrimonio material e inmaterial de Galiza” afirmou Arroxo e sinalou que “evidentemente non ten as mesma repercusión legal actuar contra un elemento patrimonial protexido coa categoría de BIC que subirse a unha fonte que non está protexida”.
“Que se aproveite a ocasión para iniciar os trámites para que o casco histórico da cidade sexa declarada Patrimonio da Humanidade” pediu Arroxo. O voceiro do BNG explicou “estes feitos fan que todas e todos sintamos a necesidade de poñer en valor e protexer o patrimonio da cidade, por iso consideramos que pode ser un bo momento para empezar a traballar para que o casco histórico sexa declarado Patrimonio da Humanidade”.