O BNG SEGUE A DEFENDER A PROPOSTA DO GRAN PARQUE CENTRAL, "O PROXECTO MÁIS ACAÍDO PARA TRANSFORMAR ESTE ESPAZO E OFRECER UN NOVO PULMÓN VERDE NO CENTRO DE LUGO", AFIRMOU ARROXO

O BNG propón un referéndum cidadán para decidir o futuro da actual estación de autobuses de Lugo

Rubén Arroxo, acompañado por concelleiras e concelleiros e polo responsábel local do BNG, Antón Bao, propuxo "un exemplo de participación cidadá para que sexa a veciñanza de Lugo a que escolla a mellor solución para este espazo"

O BNG segue a defender a proposta do Gran Parque Central, "o proxecto máis acaído para transformar este espazo e ofrecer un novo pulmón verde no centro de Lugo", afirmou Arroxo
O BNG propón un referéndum cidadán para decidir o futuro da actual estación de autobuses de Lugo



Lugo, 10 de abril de 2026. O portavoz do BNG de Lugo, Rubén Arroxo, anunciou hoxe unha nova proposta dentro da campaña que está a desenvolver a organización para darlle un novo uso ao espazo da Estación de Autobuses unha vez se traslade a súa actividade á estación Intermodal. Arroxo chamou á Xunta de Galiza a organizar un referéndum entre toda a veciñanza censada no concello para decidir o futuro deste espazo. Segundo Rubén Arroxo, "ante as diversas propostas que están a xurdir nos últimos días de diferentes colectivos da cidade, sería un exemplo de participación cidadá permitir que sexa a propia veciñanza quen escolla a alternativa que considere máis axeitada".

Arroxo lembrou que a estación intermodal estará rematada nun prazo de seis meses, polo que “é necesario anticipar decisións e evitar que este espazo quede abandonado como sucedeu con outras instalacións emblemáticas da cidade, como o edificio da vella residencia, as dependencias da Tinería ou o cuartel de San Fernando”.

O BNG reafirmou a súa aposta polo Gran Parque Central, unha proposta que inclúe a creación dun gran espazo verde con aparcadoiro soterrado, a posta en valor dos restos arqueolóxicos e a posibilidade de soterrar o tráfico da rúa Cidade de Vigo. “Consideramos que é o proxecto máis acaído para transformar este ámbito urbano e ofrecer un novo pulmón verde no corazón de Lugo”, destacou o portavoz do BNG

Neste contexto de debate, o BNG considera que a Xunta debería actuar de xeito semellante ao proceso empregado para escoller o nome do Auditorio Fuxan os Ventos, cando se convocou unha consulta popular na que puideron participar todos os veciños e veciñas censados en Lugo. “Se daquela foi posible decidir colectivamente o nome do auditorio Fuxan os Ventos, tamén pode ser posible decidir colectivamente o futuro deste espazo”, destacou. Para o BNG, é fundamental que esta consulta se celebre antes do verán, co fin de garantir tempos lóxicos e axeitados, evitando atrasos que poidan comprometer a planificación urbanística. 
O BNG propón un referéndum cidadán para decidir o futuro da actual estación de autobuses de Lugo